O «slow fashion» crece en Galicia

María Cedrón REDACCIÓN / LA VOZ

MERCADOS

CEDIDA

A moda sostible comeza a facerse un oco; o seu auxe é un modo de reconverter e modernizar o tecido industrial de moitos talleres tocados no seu día pola deslocalización

25 oct 2019 . Actualizado ás 11:54 h.

Non hai moito tempo, poida que uns trinta anos, non resultaba estraño en Galicia ir á modista, para facerse un vestido, ou ao xastre, para encargar un pantalón. Ocorría, sobre todo, nas vilas, onde a alternativa de ir a uns grandes almacéns era máis limitada. Aquela era unha moda cociñada a lume lento. Había que ir, elixir e, con sorte, despois dun par de probas, a peza podía vestirse. Ese hábito xeneralizado pasou a formar parte do pasado ou do territorio duns poucos aos que a industria de fabricación en cadea non dá o que buscan. Fíxoo tras o desembarco de grandes cadeas como Inditex, H&M ou Mango que acabaron convertidas en xigantes ao lanzar moitas coleccións ao ano a prezos económicos. Fronte a esa tendencia ao fast fashion, en Galicia empeza a crecer unha nova tendencia dentro do mundo da moda. É o slow fashion, un termo acuñado no 2008 pola activista, emprendedora e profesora de Sustentabilidade no London Collegue of Fashion, Kate Fletcher.

A súa filosofía é ligar a moda á natureza cunha responsabilidade ecolóxica, comprometida, ética e, por suposto, sostible. O que se suma ao movemento ten que usar tecidos orgánicos, ademais de responsabilizarse de que a produción sexa ética e próxima. En Galicia son varias as empresas que se sumaron. E non lles vai mal. Paralelamente, é unha forma de dar unha volta a ese tecido empresarial forxado por decenas de talleres que sufriron a toma do mercado mundial por China a partir do 1 de xaneiro do 2005 ao levantar os aranceis á exportación.

«Fomos uns dos primeiros en falar de moda e sustentabilidade. Esta é outra forma de pensar a moda, como algo sostible que, ademais de ser tendencia absoluta, contribúe a non deixar morrer o tecido industrial que hai en Galicia», explica María Almazán, directora de Latitude, un proxecto global nacido en Compostela cun deseño vangardista concibido como unha ferramenta para desenvolver a industria téxtil europea desde a sustentabilidade apoiando á industria local. Ela cre que pode contribuír a crear unha industria téxtil galega moderna. Ademais, engade que a súa marca «mostra como non toda a roupa sostible ten que ser con motivos étnicos».

Mandacarú, fundada no 2006, foi outra das primeiras en tomar a vía do orgánico. Joaquín Face foi o que a puxo en marcha, e pronto se sumaron á empresa Miguel Granjean e Ana Fontoira. «Empezamos confeccionando camisetas de cor producidas nun algodón orgánico un pouco máis groso do habitual», explica Ana, que engade que o ano pasado deron un xiro á súa web «para empezar a facer camisetas unisex con fondo branco e deseños de tres creativos diferentes para ofrecer unha maior variedade ao cliente. Usamos tinguiduras naturais á auga e algodón orgánico para a súa confección en India porque aquí non o hai. A estampaxe faise totalmente en Galicia». Os químicos non existen. Pero máis aló diso, tamén pensaron en que o packaging coordine coa idea en que se basea o movemento. «As camisetas entréganse nuns cartafoles de cartón reciclado que logo poden usarse para gardar documentos. A etiqueta onde se describe a orixe e as condicións para tratar o produto é de papel reciclado de algodón e inclúe unhas sementes que xerminan tras botarlles auga. A idea é cerra o círculo e que se vexa a trazabilidade da produción». Ademais, por cada unha delas comprada na web doan un euro á oenegué Creart.

Producir dun modo ecolóxico é a idea que move a Xulián Chapela e Iría García no seu proxecto Xiro. Na súa casa de Moaña deseñan pantalóns orgánicos cuxa produción se realiza integramente en talleres de Santiago. «Metémonos/Metémosnos nisto por unha cuestión de valores. Eramos habituais dos produtos ecolóxicos, viamos que había un exceso no consumo de roupa, algo que non é sostible. Queriamos facer un modelo máis responsable», explica Iría. Desa inquietude naceu Xiro, no 2015.

Algo parecido é o que opinan os irmáns Fran e Patricia Soto, tamén profesora da escola de Estudos Superiores de Deseño e Moda de Galicia (Esdemga). Fai xa vinte anos montaron en Vigo A Canalla, unha marca que está dentro da Plataforma Galega de Moda Sostible (MOV3). «A nosa inquietude é facer as cousas doutro modo», apunta Fran, para o que a sustentabilidade pasa tamén por retardar o consumo desproporcionado de pezas que hai agora. «Despois do petróleo, o téxtil é a industria máis contaminante. Temos que crear conciencia de iso».

1A CANALLA. Fran e Patricia botaron a andar o seu proxecto fai vinte anos en Vigo. Ambos apostan por pezas máis duradeiras. mercés moralejo

2LATITUDE. María Almazán é a directora desta marca de deseños vangardistas que rompe estereotipos

3XIRO. Os responsables desta compaña de vaqueiros, Xulián e Iría, instalaron o seu estudo na súa casa de Moaña. luz conde

O termo foi acuñado no 2008, pero en Galicia xa había empresas que traballaban dese modo antes

«Metémonos/Metémosnos nisto por unha cuestión de valores, queriamos facer un modelo máis responsable»

1

2

3