«En España, os recortes en I+D foron unha rémora»

Mario Beramendi Álvarez
Mario Beramendi SANTIAGO / LA VOZ

MERCADOS

Santi M. Amil

12 novs 2017 . Actualizado ás 04:45 h.

Mozo investigador do grupo GEIN e docente de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, Alberto Vaqueiro é membro do Foro Económico de Galicia (FEG).

-Como valora o liderado de EE. UU. na nova revolución industrial?

-A dixitalización da economía é algo imparable. Non hai moitos anos, apenas se utilizaban as redes sociais, hoxe en día é a canle máis utilizada para transferir información. Os países que durante moitos anos apostaron pola introdución da dixitalización de todas as actividades son os que agora levan a voz cantante. Non hai que esquecer que as mellores e maiores compañas de base tecnolóxica atópanse en EE.UU.: Microsoft, Google, Apple ou Facebook.

-En que medida está a quedarse atrasada Europa?

-En Europa observamos como a cuarta revolución industrial presenta unha dobre velocidade. Por unha banda, hai países como o Reino Unido, que é a economía europea máis dixitalizada, e en menor medida están Suecia e Holanda. Nestes países, desde hai bastantes anos vén apostando pola dixitalización económica en practicamente todo tipo de actividades. Polo

contrario, España e Italia son os países que menos optaron por este proceso. Os fortes recortes nos orzamentos públicos en I+D en España supuxeron unha rémora ao noso crecemento tecnolóxico.

-Que riscos corremos nun mundo tan globalizado e de cambios tan vertixinosos?

-O problema que eu vexo é dobre. Por unha banda non todos os cidadáns están o suficientemente formados en ferramentas dixitais e sen eses mínimos coñecementos resulta imposible acceder a estes servizos. Ademais, para poder utilizalos débese contar cunha infraestrutura adecuada, que non sempre é posible, como o 4G ou a fibra óptica. Isto pode provocar un atraso na implantación. Segundo, e desde o meu punto de vista moito máis preocupante, é que esta dixitalización económica está a afectar ás relacións laborais. A precarización laboral, xa de seu elevada, pode aumentar.

-Cales son os riscos para España?

-España é un dos países europeos onde menos está desenvolvida esta cuarta revolución industrial. E isto supón un importante reto para os próximos anos. O noso país nunca foi un referente destacado en materia tecnolóxica, salvo casos puntuais. Hoxe en día, coa globalización económica, pódese adquirir practicamente calquera ben con independencia da súa procedencia, o que significa que a competencia é cada vez maior. Sería necesaria unha maior aposta pola I+D, algo que sempre sinalamos os economistas, pero que por desgraza non se consegue.

-Que oportunidades ten Galicia?

-A nosa comunidade autónoma ten que realizar un importante esforzo de adaptación. Seguindo de novo o último informe COTEC compróbase como o gasto total en I+D en Galicia reflicte un continuo descenso. No 2008 era do 1,04 do seu PIB, fronte ao 0,87 % do 2014. Uns datos que contrastan co investimento medio nacional, situada no 1,35 % no 2008 e o 1,23 % no 2014. Certo é que hai algunhas empresas galegas que viñeron apostando por esta dixitalización da economía, pero o noso tecido empresarial que pivota en microempresas, é pouco permeable aos cambios. Con todo, a cuarta revolución industrial veu para quedar. Fai falta unha maior aposta pública autonómica.