«Promocionas moi rápido no Canadá»

María Cedrón REDACCIÓN / LA VOZ

MERCADOS

17 sep 2017 . Actualizado ás 04:45 h.

Foise coa intención de ter unha experiencia laboral no estranxeiro e mellorar o inglés. Roberto García Fontao estivo catro anos en Vancouver, foi director de mercadotecnia dun college e cando viu que lograra o seu obxectivo fixo as maletas para regresar a Galicia, que é onde lle gustaría vivir e desenvolver todo o que aprendeu. Porque alí no Canadá conviviu con «unha cultura moi diferente» e, sobre todo, comprobou como o Goberno e a administración de cada provincia (un concepto parecido ao dos estados dos Estados Unidos) planifica ao detalle os fluxos migratorios. «A emigración está moi planificada para poder sacarlle o maior rendemento económico», explica. Por iso é polo que facerse cun visado non é doado cando non se está cualificado. Roberto logrou o seu tras facer un curso de inglés, unha alternativa que agora non hai: «No momento no que fun había un método que era facer un curso de inglés de seis meses. Logo tiñas dereito a facer unhas prácticas de traballo. Primeiro estiven nunha start up e despois cambiei ao departamento de márketing dun college. Foron eles os que ao ver o meu traballo dixeron de que quedara. A vantaxe é que alí promocionas moi rápido».

Vivenda. Vancouver é unha das provincias máis caras para comprar cunha media de 808.000 dólares. A máis barata: Manitoba (238.000).

A destacar. Preto dos dous terzos dos inmigrantes adultos (un 65 %) teñen estudos superiores (tecnoloxía, matemáticas ou informática), máis que os cidadáns do Canadá.