«Non todo son finanzas, potencian moito o I+D»

María Cedrón REDACCIÓN / LA VOZ

MERCADOS

-

17 sep 2017 . Actualizado ás 04:47 h.

Chegou a Singapur , un país ultramoderno que se levantou en pouco máis de 50 anos, a mediados de xaneiro. O coruñés José Antonio González é bolseiro ICEX na embaixada de España no país asiático. A súa experiencia nos oito meses que leva alí é moi boa porque, como di, «é como estar en calquera país europeo, moi civilizado, seguro e cun desenvolvemento de infraestruturas que resulta mesmo superior a Europa». Os expatriados, di, viven moi ben cunha calidade de vida moi alta. Por que? Ademais de que todo a nivel de infraestruturas está moi desenvolvido, as empresas han de cumprir uns mínimos cos seus empregados. «Para poder traballar hai que ter unha formación que xustifique que che están contratando e han de ter un soldo mínimo. O Goberno ten que aprobar a contratación», explica. As que non teñen problemas para instalarse son as empresas. «Desde unha SL a unha SA», engade ao describir cales son os sectores punteiros do país. Ademas do sector financeiro, hai moitos «parques empresariais para potenciar o I+D. Non hai industria pesada, pero a innovación e o desenvolvemento é algo no que buscan converterse nunha potencia. Tamén é potente o sector enerxético».

Vivenda. O alugueiro dun apartamento de tres cuartos preto do centro custa desde 4.300 euros. Os expatriados adoitan vivir en urbanizacións privadas.

a destacar. É un país moi moderno que se construíu en moi pouco tempo. A pesar do seu tamaño, ten unha das mellores redes de transporte do mundo.