Patrocinado por Patrocinadopor

Economía circular ata nas bragas

e. abuín REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

Lidl lanza unha liña de lencería con algas mariñas do Atlántico, que axudan a activar a rexeneración celular

17 feb 2020 . Actualizado ás 19:11 h.

Sustentabilidade. Reciclaxe. Economía circular. Son tendencias en boga que están ata nas bragas. Literalmente. Non é unha forma de falar. A cadea de supermercados Lidl acaba de anunciar que se suma á moda sostible e lanza unha liña de lencería realizada con algas mariñas do océano Atlántico. Trátase de bragas, suxeitadores, calzóns, camisetas e calcetíns feitos con SeaCell, marca coa que rexistraron un material elaborado con sargazo e madeira, cento por cento biodegradables, cuxas fibras se obteñen mediante un proceso ecolóxico que aforra enerxía e recursos fronte a producións convencionais e que ten unha pegada de carbono neutra. A recolección das algas mariñas realízase mediante un proceso coidadoso, selectivo e sostible, «eliminando só a parte das algas que pode rexenerarse e conservando todo o seu valor ecolóxico», asegura Lidl nun comunicado.

Pero non se trata só de que a colección de roupa interior sexa respectuosa co medio ambiente. É que tamén o é co corpo da persoa. Segundo Lidl, ademais das súas propiedades antibacterianas e antioxidantes e dunha capacidade de transpiración e absorción da humidade superior á do algodón, a composición de algas do novo tecido «axuda a activar a rexeneración celular, que á súa vez pode axudar a aliviar as enfermidades da pel, reducir a inflamación e acougar a dor». E esas cualidades non se van cos lavados.

A primeira liña eco de Lidl comercialízase coa marca propia da cadea, Esmara, e xa está dispoñible de forma limitada na súa tenda on-line. Non será ata o vindeiro xoves que chegue ás tendas físicas. Poderanse adquirir en 600 establecementos da distribuidora, con prezos que van desde os 2,99 euros dos calcetíns tobilleros ata os 5,99 do paquete de dúas bragas.

Lidl alude a un estudo da Fundación Ellen McArthur, a máxima promotora independente da economía circular, segundo o que nos últimos 15 anos a produción mundial de roupa duplicouse e só o 20 % de vos residuos téxtiles recíclanse, polo que cada vez se fai máis necesario un cambio de modelo, xusto ao que responde a última aposta da distribuidora.