Patrocinado por Patrocinadopor

Bruxelas confirma ao BNG que a flota só terá este ano axudas polo «brexit»

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

XOAN CARLOS GIL

A portavoz nacionalista en Europa sinala que «quedan poucos cartos» no FEMP e prevé dificultades para o 2021

17 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

«No caso de que os buques da UE perdesen o acceso ás augas do Reino Unido, os Estados membros poderán conceder unha compensación ata finais do 2020 con cargo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) pola paralización temporal das actividades pesqueiras». É a resposta da presidenta da Comisión Europea a Ana Miranda, a deputada do BNG en Bruxelas que preguntou acerca das consecuencias que terá o brexit para o sector pesqueiro galego. A contestación de Von der Leyen é, para Miranda, «preocupante», dado que «xa quedan poucos cartos do FEMP», e a situación pódese complicar a partir do 2021.

 A presidenta da Comisión sinala que o acceso ás augas «decidirase no contexto da asociación económica global entre a UE e o Reino Unido». E de non haber acordo tras o período transitorio, os buques de pavillón británico ou das illas Malvinas estarán suxeitos ás normas dos buques de terceiros países, mentres que as relativas á propiedade e investimento para tales buques estarán fixadas polo dereito nacional británico. A Comisión sinala que estivo traballando cos Estados membros máis afectados, incluída España, para aplicar as medidas do xeito máis eficaz.

Miranda reitera que é preciso un plan de continxencia «cos espazos políticos e económicos para dar resposta aos sectores».