Patrocinado por Patrocinadopor

Isidro do Cal intenta cun ERE salvar á empresa da desaparición

e. abuín / f. fernández REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

PACO RODRÍGUEZ

A caída de vendas e a falta de liquidez levan á empresa a redimensionarse de novo

05 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A dirección de Isidro 1952 -empresa resultante da evolución da almacenista de peixe fresco Isidro do Cal cara á transformación de produtos mariños- comunicou onte aos representantes dos traballadores, clientes e provedores a súa intención de presentar un expediente de regulación de emprego (ERE) para redimensionar a compaña e adaptala á súa situación actual no mercado. É, a entender da propiedade, a única forma de evitar a desaparición da firma.

A cantas das 225 persoas que compoñen o persoal afectará o ERE é algo que aínda se descoñece, segundo fontes da empresa. Estas indicaron que, unha vez anunciada a decisión, «ábrese agora un período de negociación e escoita aos representantes dos traballadores» para abordar un proceso no que, aseguran, estudarase «caso por caso» para axustar o persoal ao volume de vendas actual. As mesmas fontes apuntan que tratarán de garantir «cantos máis postos de traballo mellor».

Porque os xestores continúan crendo no proxecto. Ese que ten a liña de elaboración de sushi e de pratos preparados, así como de produtos en atmosfera modificada e outros que xeran valor engadido, como negocio principal. Pero os acontecementos do último ano fan perentoria unha reestruturación.

No 2018, Isidro 1952 facturou 40 millóns. Son datos que proporciona a compaña, pois as últimas contas oficiais son do 2017 e o volume de vendas entón era de 27,4 millóns. Nese documento tamén figura que, ese ano, o persoal estaba composta por 147 persoas, cando actualmente están en nómina 225 empregados. A explicación que ofrecen desde a empresa é que se absorbeu como persoal fixo a traballadores que ata entón estaban subcontratados ou pertencían a empresas de traballo temporal. Pero esa operación que se abordou tanto para favorecer aos traballadores como polas vantaxes financeiras que tiña para a propia compaña coincidiu cun momento de baixada de vendas e, xa que logo, de caída da produción.

A crise de Dia, cliente da súa liña de sushi, influíu na caída da facturación Así, aínda que a liña de produción de sushi «funciona ben» -e, de feito, continúa sendo a gran esperanza da compaña- a irrupción doutros competidores nese terreo e o tropezón dalgún dos seus clientes torceu as liñas que había escritos. Os destinatarios do sushi que sae das liñas de Isidro 1952 no polígono do Espírito Santo (Cambre) son, principalmente, Eroski, Lidl e Dia. E a ninguén se lle escapa as dificultades nas que se viu esta última cadea de distribución este ano, xusto no que caeron as vendas da empresa.

A firma traslada a provedores e clientes que segue aberta e en activo 

Non foi, sen dúbida, unha decisión doado a de aplicar un ERE na empresa. Hai tempo que se estaba intentando evitar esa saída, adaptando quendas de traballo á vez que se buscaba a entrada de capital na compaña. Pero as negociacións cos fondos de investimento que tiñan a Isidro 1952 no punto de mira non frutificaron. E aínda que os esforzos por reducir a débeda coa que naceu a compaña tiveron relativo éxito -dos case 80 millóns con que naceu a nova compaña baixouse aos 27 con que se pechou o 2107-, unha falta de liquidez que a firma non conseguiu atallar a través das entidades financeiras, unida á caída das vendas no último ano, abocaron a unha resolución que a dirección ve «como a única alternativa posible para garantir a continuidade».

Os xestores de Isidro 1952 confían en saír adiante coa reestruturación porque «contamos cun persoal cualificado, dispomos do coñecemento adecuado e empúrranos unha traxectoria que non só é historia, senón tamén presente en canto a capacidade tecnolóxica, de innovación e desenvolvemento de produto», apunta a compaña nun comunicado. No mesmo que asegura que Isidro 1952 segue firme no propósito de ser «unha empresa referencial e pioneira no sector de elaboración, transformación e comercialización de produtos do mar». E así llo trasladaron a provedores e clientes: que a empresa segue aberta.