Patrocinado por Patrocinadopor

Madrid «lanza» unha choiva de millóns sobre a pesca ao pagar 3 anos de axudas

e. a. REDACCIÓN / LA VOZ

PESCA E MARISQUEO

MARTINA MISER

Libera o diñeiro que debía ás organizacións profesionais en concepto de subvencións para plans de produción

02 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

É «un balón de osíxeno importante», asegura Juana Parada, xerente da Organización de Palangreiros Guardeses (Orpagu). Que, ademais, reciben cando xa estaban a piques da anoxia. A Secretaría Xeral de Pesca lanzou unha choiva de millóns sobre o sector pesqueiro español tras liberar o diñeiro que debía ás organizacións de profesionais pesqueiros e da acuicultura en concepto de axudas para preparar e pór en marcha os seus plans de produción. Entregou a contía correspondente a tres anualidades (2016, 2017 e 2018). En total, 7,6 millóns de euros.

 Boa parte desa choiva caeu en Galicia. Entre as entidades beneficiadas están varias OPP (organizacións de produtores pesqueiros) galegas, como a dos cefalopoderos (Anacef), os conxeladores de pescada e cefalópodos (OPP-3), os mexilloeiros de Opmega, e Orpagu.

Desde esta última organización, Parada sinala que chegaron xusto para poder abordar proxectos que tiñan pendentes, como a planta de elaboración para os seus produtos artesanais, que agora subcontratan a conserveiras e outras empresas de transformación.

Tamén lles permitirá reporse do importante desembolso realizado para dotar de wifi ás embarcacións. Porque mellorar as condicións de vida a bordo e incorporar Internet aos barcos é, a xuízo de Orpagu, indispensable para atraer aos mozos ao mar e paliar a crise de vocacións que afecta o sector pesqueiro. Así, a metade da flota espadera da Guarda dispón xa de conexión a bordo.