Patrocinado por Patrocinadopor

Absolven a unha camariñá pola venda de mexillón con toxina

Antonio Longueira Vidal
toni longueira CARBALLO / LA VOZ

ACUICULTURA

MARTINA MISER

Seis membros dunha familia de Vimianzo tiveron que ir ao hospital tras comer unha paella con bivalvos

22 jul 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O titular do Xulgado do Penal número 3 da Coruña absolveu a unha vendedora «ambulante» residente en Camariñas acusada dun delito contra a saúde pública. Os feitos xulgados desenvolvéronse o 20 de maio do 2016, cando 6 integrantes dunha mesma familia -uno deles entón menor de idade-, veciños de Braño, na parroquia vimiancesa de Carantoña, tiveron que ser ingresados no hospital comarcal de Cee debido a unha intoxicación alimentaria.

Na denuncia formulada ante a Garda Civil, os afectados achacaron as diarreas, vómitos e outras doenzas gastrointestinales a unha partida de mexillóns adquirida á denunciada para elaborar unha paella. Dáse a circunstancia de que, segundo recolle o fallo xudicial, nas datas nas que se produciu a comercialización do bivalvo, a ría de Camariñas estaba pechada pola Xunta á extracción marisqueira pola elevada presenza de toxina lipofílica.

A instrución do caso levouno o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Corcubión, cuxa titular viu indicios dun posible delito contra a saúde pública.

Sentenza

Na súa sentenza, o xuíz da Coruña decidiu absolver á vendedora, defendida polo avogado Sebastián Lorenzo, dos cargos que se lle imputaban. Na súa declaración, a denunciada argumentou que se dedicaba a comercialización ambulante de produtos do mar e que vendera a esta familia de Braño unha cantidade indeterminada de mexillón (nun primeiro momento falouse duns 5 quilos), que foron consumidos por seis integrantes dunha familia. Asegurou que os bivalvos non foran extraídos na ría de Camariñas, «senón de bateas de Sanxenxo», polígono que, por certo, non estaba afectado pola toxina e que, xa que logo, estaba aberto á actividade. Sinalou que adquirira unha partida «en B» e que por iso carecía de factura, pero engadiu que comprara esta partida de molusco a unha empresa «da lonxa da Coruña».

A vendedora dixo que comprou o marisco «en B» a «unha empresa da lonxa da Coruña» Por outra banda, segundo indica o fallo, nos informes médicos e forenses «non se analizou se os moluscos tiñan toxina, virus ou bacterias».

Ademais, e de forma paralela, quedou constatado, como así o reflicte a sentenza, que por aquelas mesmas datas houbo outras persoas da zona atendidas por problemas gástricos «sen haber comido mexillón».

Unha testemuña apuntou na súa declaración que aquel 20 de maio do 2016 a súa familia consumira mexillóns (comprou 10 quilos) dispensados por esta vendedora «sen sentirse mal».

O xuíz recoñece que «non se atopa unha relación directa e indubitada de causa-efecto entre a inxesta [da familia de Braño] e a intoxicación» polo que decretou a absolución da acusada.