Patrocinado por Patrocinadopor

Libia inspírase en Galicia para desenvolver o seu sector pesqueiro e acuícola

La Voz REDACCIÓN

SOMOS MAR

Unha delegación do país percorre lonxas e praias da man de autoridades pesqueiras galegas

19 jul 2019 . Actualizado ás 18:57 h.

Galicia foi anfitrioa de unha delegación libia, integrada por 11 persoas entre as que había alcaldes e expertos en pesca e acuicultura, que esta semana percorreu a comunidade autónoma interesándose polos avances en materia de pesca e acuicultura e profundar na transmisión de coñecemento e de experiencias neste sector. 

Da man do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, da secretaria xeral técnica da Consellería de Mar, Isabel Concheiro, e a delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, os libios visitaron varias lonxas, praias, empresas de conxelación e transformación e centros de investigación. Exemplos todos representativos do potencial dunha cadea que xera un volume de ingresos de máis de 8.850 millóns de euros ao ano e que se imbrica en 64 das 81 ramas de actividade económica identificadas en Galicia. 

A visita enmárcase nun proxecto que forma parte da Iniciativa de Nicosia, impulsada polo Comité Europeo das Rexións (CdR) para promover unha relación estreita con varias rexións do país nun intento de contribuír a mellorar os servizos públicos do país, elevar as condicións de vida da cidadanía e axudar ás súas entidades rexionais e locais a acceder á comunidade internacional. Ao mesmo tempo preténdese  axudar á estabilización de Libia, nun momento no que a axitación política e a inseguridade dificultan a cooperación co país.

En esa iniciativa están involucradas, ademais de Galicia, rexións como Murcia, Anveres (Bélxica), Vila Real (Portugal), Nicosia (Chipre), Flandes (Bélxica), ou a rexión autónoma de Friuli-Venezia Giulia (Italia).