Patrocinado por Patrocinadopor

A flota queda atrapada ao demorar Mauritania a solución aos atascos

E. A. REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

Agardará á toma de posesión do novo presidente para decidir se autoriza a descarga en portos estranxeiros

19 jul 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Todo un xerro de auga fría o que onte recibiron os armadores dos barcos galegos que faenan ao fresco en augas de Mauritania. Confiaban en que o cume entre o ministro de Pesca mauritano, representantes da UE e da embaixada española en Nuakchot alumasen unha solución aos problemas de loxística que provocan os sucesivos peches da fronteira por grupos de insurxentes que ninguén acaba de aclarar que reivindican. Pero non foi así. A decisión de se se autoriza aos barcos descargar en portos estranxeiros e non nos mauritanos quedou postergada ata o 1 de agosto, cando o novo presidente do país xa terá tomado posesión, para desesperación dos empresarios galegos.

«Esperpéntico», di indignada María José de Pazo, armadora cun barco fondeado coas adegas repletas de peixe á espera de que chegue o camión que tería que levar as capturas ao mercado. Así as cousas, os armadores ven atrapados en Mauritania. As capturas duns podrecen na fronteira tras dez días de bloqueo e as dos outros permanecen no barco acumulando días que abocan a estas capturas a ter o mesmo destino que as que xa están no tráiler no medio do Sahara.

E os que están fondeados tampouco teñen a opción de tirar a mercancía pola borda e saír de Mauritania, pois se expoñen a unha sanción. Iso precisamente é o que disuade a unhas tripulacións que xa están máis que desesperadas -como tamén o están os transportistas-, de guindar o peixe ao mar e abandonalo todo.

«É inconcibible que ninguén faga nada para arranxar un problema que vimos denunciando desde xaneiro», clama De Pazo. Hoxe reuniranse os armadores das once embarcacións afectadas para analizar que poden facer, sobre todo agora que non poden nin abandonar Mauritania -salvo os tres que xa o fixeron- nin deixar o peixe que, de todos os xeitos, veranse abocados a destruír.