Patrocinado por Patrocinadopor

O Pesca 1 rescata a dous mariñeiros cuxo barco encallou nas rocas de Vionta, na boca de Arousa

M. X. B. / E. A. RIBEIRA, REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

Óscar Vazquez

Abandonaran o barco ao ver que non podían evitar o choque coas pedras

24 abr 2019 . Actualizado ás 20:10 h.

O helicóptero Pesca 1 rescatou na madrugada de onte das rocas de Vionta, un illote próximo á illa de Sálvora, na boca da ría de Arousa, aos dous mariñeiros da embarcación Uxía Cinco, un pesqueiro de artes menores con base en Ribeira. Ambos os tripulantes están a salvo, recuperándose do susto que viviron pasadas as tres da madrugada.

Suponse que por un problema na hélice, o barco comezou a derivar cara ás rocas e os profesionais non foron capaces de manobrar para evitar que embarrancase nas rocas de Vionta. Foi cando os tripulantes, Andrés Manuel Martínez Ayaso -patrón e armador do barco- e Miguel Suárez Mariño, viron que o choque coas rocas era inevitable o momento no que lanzaron unha chamada de urxencia, aínda que antes alertaran da situación pola canle 16 de VHF. O patrón advertiu por radio de que ían abandonar o barco porque estaban sen temón e o pesqueiro tiña xa varias vías de auga e danos importantes.

Tras recibir a alerta, sobre as 04.45 horas, Salvamento Marítimo, desde o seu centro zonal de Porto do Son, mobilizou a Salvamar Sargadelos, pero non puido achegarse ás rocas onde estaban os mariñeiros. Enviouse entón ao Pesca 1, que evacuou aos dous homes e trasladounos ao porto de Vigo. Desde alí, unha ambulancia levoullos ao hospital vigués Álvaro Cunqueiro. O armador do barco quedou ingresado con síntomas de hipotermia, aínda que o seu estado non revestía gravidade. Suárez, pola súa banda, foi dado de alta.

Segundo Salvamento Marítimo, as condicións meteorolóxicas obrigaron a pospor o intento de recuperación do Uxía Cinco.