Patrocinado por Patrocinadopor

O Irmáns Landrove naufraga de novo, 9 anos despois de ser reflotado

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

CARLOS SOMORROSTRO

Esta vez, os seus sete tripulantes salvaron a vida ao ser recollidos por outro pesqueiro

21 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

En setembro do 2009, o volantero Irmáns Landrove, por aquel entón con base en Cariño , envorcou a 15 millas de Cedeira . Ían sete persoas a bordo. Seis salvaron a vida. Morreu o armador, pai de quen este martes, nove anos despois, volveu revivir o susto. Afortunadamente, nesta ocasión, os seus sete tripulantes salvaron ao vida. Sonia Landrove, agora armadora do pesqueiro que foi reflotado oito meses despois do seu sinistro e volto pór en servizo con base en Celeiro , comentaba este martes a Radio Voz que descoñecía as causas que esta vez levaron ao Irmáns Landrove ao fondo do mar: «Non sabemos nada, só que había auga na sala de máquinas», dicía aínda moi afectada.

O pesqueiro foise a pique por unha vía de auga cando se atopaba 20 millas ao norte do cabo Ortegal. Detectouna o patrón do barco cando, nunha inspección rutineira, descendeu á sala de máquinas e descubriu que estaba alagada. Trataron de achicala, pero pronto gripó o motor. A partir de aí, a vía foi imparable ata provocar o afundimento do buque, relatou Javier Pita, patrón maior de Cariño, de onde é casa armadora do barco e catro dos seus mariñeiros. Os outros dous son de Burela e o sétimo, de Celeiro.

A tripulación debeu dar aviso por radio aos barcos que estaban nas inmediacións, porque Salvamento Marítimo recibiu a alerta sobre as 4.41 horas doutro volantero, o Bedia, que foi o que finalmente acabou evacuando á tripulación e trasladándoa a Cariño.

Desde o Centro de Salvamento Fisterra mobilizouse á Salvamar Shaula, que partiu cara ao lugar mentres os tripulantes aínda estaban a intentar controlar a vía de auga, aínda que xa case daban a empresa por imposible. Salvamento tamén contactou co Bedia e o Praia de Bares, ambas nas inmediacións do Irmáns Landrove, e enviou á zona ao Pesca 2, desde Celeiro, e ao Helimer 401, que despegou desde A Coruña.

Pero non foi necesaria a súa intervención. Aínda non chegaran os medios cando desde o Bedia comunicaban que tiñan a bordo á tripulación, que non requirían asistencia e que puñan rumbo a Cariño, onde prevían arribar dúas horas máis tarde coa radiobaliza e dúas balsas salvavidas recollidas. Eran as 05.35. O Irmáns Landrove estaba xa para entón semihundido e moi escorado a estribor.

Recollida de caixas e cabos

En peores condicións aínda o atopou a Salvamar Shaula cando chegou ao lugar unha hora máis tarde, ás 6.35. Ás 7.20 acabou por afundirse. A embarcación de Salvamento, apoiada polo pesqueiro Praia de Bares, recolleu caixas e cabos do barco que había pola zona.

O naufraxio deixou, segundo Salvamento, unha pequena mancha de contaminación polo combustible que onte se estaba seguindo por se había disipábase ou había actuar.

Parece que nesta ocasión o Irmáns Landrove será máis difícil de recuperar. De feito Sonia Landrove daba onte o barco por perdido. Polo menos nesta ocasión non hai vítimas mortais nin ela unha perda máis na familia: o patrón que onte ía no barco é o seu marido.

Información elaborada por Á. Alonso, I. Valerio, M. Cadrado e E. Abuín.