Patrocinado por Patrocinadopor

O mercado náutico volve crecer en Galicia amarrado ao bum do alugueiro

Manoli Sío Dopeso
m. sío dopeso VIGO / LA VOZ

SOMOS MAR

M.MORALEJO

A matriculación de embarcacións de recreo recupérase, cun incremento do 10 %, con ata 266 en seis meses

18 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Aínda non é o mellor ano para a náutica de recreo en Galicia, pero pode faltarlle pouco. O sector crece a dobre díxito por primeira vez desde a crise, e se o mercado mantén a tendencia do primeiro semestre, o medio milleiro de unidades ao ano que se matriculaban antes da crise (ano 2008) podería mesmo acadarse.

De momento, os datos publicados pola Asociación Nacional de Empresas Náuticas (ANEN) ao peche de xuño guindan un rexistro de 266 matriculacións en Galicia, un 10 % máis que no mesmo período do ano pasado. Por provincias, Pontevedra lidera o mercado, con 145 unidades, seguida da Coruña con 103. Completan as vendas Lugo e Ourense con 11 e 7 matriculacións, respectivamente.

A recuperación do mercado do barco novo é clave para a industria náutica de recreo, que supón 20.000 empregos directos en España, e deles ao redor dun 15 % (uns 3.000 postos) concéntranse en Galicia. Di ANEN que, mentres no 2013 só o 1,3 % dos usuarios interesábanse por unha embarcación nova, esta cifra subiu ata o 3 % este ano, acadando as 4.182 matriculacións de embarcacións de recreo.

Carlos Sanlorenzo, secretario xeral desa asociación, asegura que ás embarcacións de recreo pásalles o que á vivenda: «Os usos cambiaron. Hoxe destaca o alugueiro e o chárter, estes son os grandes protagonistas da recuperación do sector. Xa non hai tanto apego pola pertenza, senón polo goce».

O presidente da patronal augura que esta tendencia chegou para quedar. «Seguro que seguirá crecendo nos próximos anos, porque aínda queda moito camiño por percorrer», sostén.

Ata a chegada da crise, o sector da náutica no mercado nacional vivía principalmente dun cliente cun perfil bastante estereotipado: alto poder adquisitivo e propietario de embarcación e tamén do punto de amarre. Con todo, e a pesar dos repuntes positivos nas matriculacións de embarcacións, o sector encamíñase cara a unha renovación total, tanto no perfil do usuario como no formato das ofertas náuticas. «Porque agora o afeccionado xa non compra barcos. Quen se achega agora á náutica faino a través do alugueiro», argumenta Sanlorenzo.

Segunda man envellecida

A pesar de todo, o negocio náutico crece en matriculacións, e tamén o fai o de ocasión, iso si, cun produto cunha maior antigüidade. Fuentes do mercado explican que as unidades de segunda man no mercado de ocasión envelleceron ata unha media de 20 anos, o que supón un incremento moi importante respecto dos 13 anos de media que se manexaban no 2008, antes do inicio da crise.

A explicación a este cambio de tendencia está precisamente aí, na crise. A venda e matriculación de barcos novos sufriu un derrubamento sen precedentes e, aínda que iniciou unha lenta recuperación desde o ano 2017, o parque de embarcacións á venda que quedou dispoñible conta con moi pouca oferta de unidades con menos de 10 anos. Especialmente faltan embarcacións matriculadas entre os anos 2008 e 2014.

Di o sector que se actualmente só o 18 % das unidades á venda ten menos de 10 anos, a cifra dispárase ata o 44,5 % no caso de embarcacións de entre 10 e 20 anos. «Isto é unha boa noticia para quen queren cambiar o seu barco, se este ten menos de 10 anos, pois a pouca oferta de seminuevos a incrementado considerablemente os prezos de venda», aseguran desde a rede comercial.