Patrocinado por Patrocinadopor

Alberto Paz, portavoz dos exmarinos galegos: «Co noso caso, Noruega está a faltarlle ao respecto a España»

martina muñoz / r. s. REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

MARCOS CREO

«Xa morreron 40 compañeiros agardando unha resolución, pero aguantaremos o que faga falta», asegura

16 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Alberto Paz Viñas é o portavoz do grupo Long Hope, unha asociación formada por máis de 12.000 mariñeiros españois, 8.000 deles galegos, que reclaman a Noruega as xubilacións polos seus anos de servizo nos buques escandinavos mentres pagaban relixiosamente as cotas do imposto noruegués sobre a renda. No 2008 fundouse a asociación, pero Paz Viñas non se uniu ata o 2014. Ese mesmo ano, a asociación decidiu demandar a Noruega . Antes de levar a cabo os trámites, o grupo advertiu ao país das súas intencións. O país nórdico «fixo caso omiso» e comezou a guerra legal.

-Cal foi o percorrido xudicial polo que pasaron?

-Tivemos dous xuízos en Noruega . O primeiro foi en abril do 2017 no Tribunal de Primeira Instancia. O segundo hase realizado en novembro dese mesmo ano pola Instancia de Apelacións. Este último adiantouse de data e ninguén nos avisou, nin sequera comunicóuselle ao noso avogado. En ambos se ditaminou sentenza favorable para Noruega . Agora estamos a agardar ao próximo, que será en febreiro do 2019, no Tribunal Supremo. O noso fin é chegar ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, pero eles xogan co factor do tempo, somos xente maior.

-Como foi a actuación do Goberno español?

-A actuación do anterior Goberno foi nefasta, ignorounos, boas palabras pero ningún feito. O actual tivo outra actitude, Pedro Sánchez no cume da OTAN reuniuse coa primeira ministra norueguesa. Imos ver como segue.

-Os sindicatos apóianlles?

-Os sindicatos españois sempre nos apoiaron. Aínda que eles non poden facer nada contra Noruega , porque non é un tema nacional.

-Faleceu algún socio?

-Morreron 40 persoas. A media de idade da nosa asociación está entre os 75 e os 80 anos, pero somos xente dura, acostumada loitar con moitas adversidades. Utilizan o desgaste psicolóxico e moral, pero non vai dar efecto, aínda que falezamos todos isto non vai quedar atrás.

-Como se custea a asociación todos os preitos?

-Nós mesmos, cada socio realiza unha achega. No momento no que aceptas un favor estás a aceptar tamén obrigacións.

-Se tivese que describir a Noruega , como o faría?

-Noruega é un país indecente, non é como nolo pintan. Trata aos mariñeiros españois con desprezo, e ao tratar así a cidadáns españois está a faltar tamén ao respecto a España. Nós só reclamamos o diñeiro que nos fixeron pagar indebidamente.

-Cre que Noruega rematará cedendo?

-Non podo dicilo, depende de como actúe o Executivo español. Xa non pedimos unha demanda internacional, porque non sería o momento adecuado. Cando rematemos cos xuízos en Noruega , xa veremos se demandamos nós ou o fai España, ou se o Estado español quere incorporarse como terceira parte demandante.

-Que opina sobre a relación entre España e Noruega ?

-Se teñen unhas relacións bilaterais tan brillantes e son tan amigos, Noruega non debería de actuar de está xeito. Debería sentarse co Goberno español e tratar de solucionalo sen chegar ao legal, como sucedeu.

-Cal é a reacción dos noruegueses cando lles ven manifestándose?

-Veñen preguntarnos e a falar connosco. Hainos a favor e en contra. O pobo noruegués é na súa gran maioría adoutrinado. Un noruegués só polo mundo non se desenvolve sen a protección do «papá Estado», un español si.

-Que plans teñen agora?

- Nós non imos deixar de saír ás rúas baixo ningún concepto. Estaremos en Copenhague, en Estocolmo e en Helsinqui. É moi probable que en outubro esteamos fronte ao Ministerio de Exteriores e o Congreso.

«Tratáronnos de intimidar pedíndonos avais»

En febreiro de 2016 a organización Long Hope presentou a demanda contra Noruega . Neste momento, relata o portavoz da entidade, «pedíronnos unha demostración de solvencia por valor dun millón de coroas [algo máis de 100.000 euros ao cambio actual], presentóuselles en 24 horas. Para ir a un tribunal non che piden este tipo de garantías, poden facelo unha vez que haxa unha sentenza firme». Esa foi a primeira traba.

A segunda, segundo conta Alberto Paz, foi que para aceptar a demanda e levala a trámite esixíronlles presentala de forma individualizada no canto de colectiva, que é como a prepararon.

Unha vez modificada a demanda pedíronlles un aval de 70.000 euros como garantía de que poderían pagar as costas xudiciais no caso de que perdesen algún dos preitos. «Iso era para meternos medo, para intimidarnos, para saber a nosa situación económica dalgún xeito, trataron de coaccionarnos».

Finalmente chegaron a xuízo. «A primeira metedura de pata que fixeron foi que negaron que pagásemos o imposto da renda noruegués. O noso avogado presentou a documentación que o desmentía e finalmente tiveron que aceptalo». Aínda así, a sentenza foi favorable para o país escandinavo.

Como a lei norueguesa sinala que se pode pasar directamente da primeira instancia ao Supremo (cousa que en España non é factible), a asociación decidiu seguir esa vía. Dous meses despois de recibir a primeira sentenza desfavorable para Long Hope, «chegamos ao Supremo e Noruega botouse as mans á cabeza. Estiveron detrás da institución para que non se pronunciase».

Finalmente o Alto tribunal remitiu a demanda á Instancia de Apelacións, equivalente á Audiencia Nacional aquí en España, «que celebrou o xuízo en novembro sen avisar tan sequera ao noso avogado», explica o portavoz de Long Hope. «Eles xogan co tempo, porque somos xente maior e intentan dilatalo», di Viñas.