Patrocinado por Patrocinadopor

Mar nega ao xeito a «barra libre» de sardiña que pedía ata San Xoán

e. abuín REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

El tope para la descarga de sardina del xeito volverá a ser diario el próximo día 2 de julio
O tope para a descarga de sardiña do xeito volverá ser diario o próximo día 2 de xullo MARTINA MISER

Si aceptou cambiar o tope establecido de diario a semanal desde hoxe ata o día 30

18 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Se se queixa o cerco de que só pode descargar 6.000 quilos de sardiña á semana, que non fará o xeito, que ten 20.000 para todo o mes. E para todos os barcos, que son uns 170 -aínda que 416 teñen autorización para empregalo-. Para dosificar esa cota e garantir que non se excede, as confrarías galegas pactaron non pescar ao día máis de 50 quilos por tripulante, ao que hai que sumar outros 50 por embarcación. Pero está a haber sardiña. Tanta que, cando aparece -que certo é que non o fai todos os días-, os barcos collen a súa cota diaria e o doutro máis. De feito, «teñen que pasar parte das capturas a outro que non a collera para non superar a cota», sinala José Antonio Gómez Castro, patrón maior de Portonovo e presidente da Federación de Confrarías de Pontevedra. Unha cesión á que non queda máis remedio, pero que escuece ao pescador, dado que a sardiña, especialmente a do xeito, está a pagarse ben. Fronte ás queixas do cerco, que concentrado na lonxa da Coruña obtén máximas de 20 euros por caixa de 15 quilos (1,3 euros o quilo), no sur -léase Portonovo ou Cambados- están a venderse a 40 e 50 euros (2,80 o quilo). En Rianxo , porto xeiteiro onde os haxa, parouse na poxa do martes a dous euros o quilo, pero xa se ofreceron 3 a principios de mes.

Os xeiteiros queren aproveitar esa boa serie que talvez se acabe a partir do 23, e por iso pedían a supresión da cota diaria e, mesmo, da limitación de 20 toneladas que teñen para este mes. É dicir, «barra libre» na pesca de sardiña ata o día de SanXoán . «Serían apenas dez días», explica Gómez Castro, que non farían demasiada madeixa no stock e que, con todo, si poderían ter un impacto moi beneficioso na economía desta flota de artes menores.  

De aceptarse a proposta, o día 24 sería o momento de facer reconto, analizar o consumido e tomar medidas adecuadas para os meses seguintes coa cota restante. «É preferible aproveitar agora que vale a sardiña e apretarse un pouco máis en outubro, por exemplo, que a sardiña xa non ten tanto tirón», comenta o patrón maior de Portonovo.

Aínda que parecía que a Administración era receptiva a aprobar a proposta, a Consellería do Mar non se atreveu a tanto. Bruxelas está a mirar con lupa este stock e xa advertiu que pechará a pesqueira se non se advirten signos de recuperación. E son quince os anos de veda que suxerían os científicos. Pero aínda que non aceptou a barra libre, si abriu a man no sentido de que, a partir de hoxe e ata o 30 de xuño, os topes computaranse semanalmente, en lugar de por día. Iso facilita que os barcos que superen a cota diaria poidan comercializalo, sempre que non supere o límite semanal, que sería o resultado de sumar os topes diarios, de 50 quilos por tripulante e 50 máis por embarcación.  

Extremar o control

A solución intermedia non desgusta do todo aos xeiteiros, dado que así se atalla a picaresca de que podería haber de aprobarse a barra libre. Agora ben, o sector é consciente de que haberá que extremar o seguimento para evitar pasar as 63 toneladas que o xeito ten asignadas ata agosto. Neste sentido, desde a Federación Galega de Confrarías, que se encarga do reconto do consumo, apelou aos depósitos a mellorar a transmisión de datos porque «con tan pouca cota o marxe de manobra é moi pequeno e o que non queremos é que nos chegue un peche de sorpresa».

As confrarías explican que a demora en trasladar as cifras de descarga é máis acentuada naquelas lonxas públicas nas que a xestión é privada. Eses atrasos entorpecen enormemente a xestión da federación. Como exemplo expoñen que as diferenzas constatadas o mes pasado, pois mentres a suma das confrarías guindaba un consumo de 7 toneladas, segundo a consellería, as descargas foran do dobre e tiña constancia de que se desembarcaron 14 toneladas ata xuño.