Patrocinado por Patrocinadopor

Gardacostas denuncia que os xefes terán placa sen sacar oposición

e. a. REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

CARMELA QUEIJEIRO

Segundo a asociación Colectivo de Gardacostas de Galicia, o novo decreto relega aos vixiantes a labores elementais a bordo

18 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O Diario Oficial de Galicia recolleu o xoves o decreto de ordenación e funcionamento do Servizo de Gardacostas de Galicia, un texto que, segundo a asociación profesional do corpo, confirma os seus temores e consagra un modelo «no que o mérito e a capacidade é substituído polo de afinidade ou submisión», dado que impón «un principio básico de funcionamento basado na xerarquía con todo o cadro directivo posto a dedo».  

Segundo explica a asociación profesional Colectivo de Gardacostas de Galicia, co novo decreto, o subdirector e o persoal das xefaturas de servizos «non só poderán ser alleos á estrutura do servizo, se non que, de forma automática, serán dotados de atribucións de axentes da autoridade» e disporán de «uniforme, placa, insignia, emblema, número identificativo e carné profesional» sen pasar por ningún tipo de oposición, simplemente por ser designados polas autoridades.

Curiosamente, de acordo coa análise do colectivo, prívase dunha das súas funcións máis importantes «aos vixiantes mariñeiros», o de levantar actas de inspección a bordo das embarcacións do servizo baixo a súa iniciativa. Así «a partir de agora prevalecerá o criterio único do patrón, relegando así aos vixiantes mariñeiros ás labores máis elementais das faenas a bordo».  

Persoal alleo á tripulación

Non menos irregularidade ven no feito de que o texto legal, ao establecer que as funcións de Gardacostas desenvolveranse por terra, mar e aire, «permitirá consolidar unha práctica abusiva, dado que, existindo persoal profesional para realizar servizos no mar -patróns, mecánicos e mariñeiros-, utilízase a figura de persoal alleo á tripulación para embarcar a calquera membro do Servizo sen estar habilitado co correspondente título, certificados e requisitos legais para enrolamento e embarque», algo que, aseguran, ocorre tamén «co persoal que realiza labores de inspección a bordo dos helicópteros».

Así mesmo, baixo o criterio de «‘necesidade do servizo’, algo que fan irregularmente a diario, os xefes das unidades operativas, postos de libre designación, poderán realizar traballos de patróns e de mecánicos aínda que non sacaran esas prazas, impedindo que un funcionario de carreira ou un interino as ocupe».

O colectivo asegura que o texto atenta contra a independencia dos funcionarios e propicia situacións estrañas ao integrar nunha mesma escala a patróns e mecánicos. En definitiva, que se alenta a «promoción encuberta» á vez que «seudo-militariza un servizo administrativo para que as ordes se transmitan a través da cadea de mando sen posibilidade de interpretación ou crítica».