Patrocinado por Patrocinadopor

Instalan en Lorbé a cuarta xeración de bateas de polietileno para criar mexillón

e. abuín / m. míguez REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

Marcos Míguez

Recoiro de Ares probará o novo modelo, de maior flotabilidade e menos altura

17 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Á cuarta irá a vencida? Manuel Serrano, conselleiro de Tepsa, está convencido de que si. De que a cuarta xeración da batea de propileno que a compaña galega do Grupo Ferro desenvolveu está chamada a desprazar definitivamente á tradicional de eucalipto e aceiro. Poida que só sexa un pálpito, pero hai indicios de que a nova plataforma pode ter éxito. Primeiro, porque o modelo, perfeccionado durante dez anos a base de ensaio e erro en anteriores deseños da propia Tepsa que fracasaron, corrixe deficiencias como a escasa flotabilidade ou as ondulaciones que se formaban no material en momentos de máxima produción e, xa que logo, de carga. Pero o indicio máis alentador é a acollida entre os profesionais. «Son eles, eses que teñen a última palabra, os que nos están dicindo que pode ser a solución», explica Moreno.

MARCOS MÍGUEZ

Xa sexa polo boca a boca ou polo foco de atención que supoñen os grandes guindastres que hai no porto de Sada preparadas para a botadura, hoxe, da batea, o certo é que están a pasar a ver a instalación moitos produtores. «Estamos a ter boas vibracións dos que viñeron a vela; din que ten moi boa pinta e que, se funciona, están dispostos a cambiar de sistema», asegura Alberto, director técnico de Tepsa, empolicado a un emparrillado de polietileno de alta densidade.

Por que ese convencemento? Que ten de novo? O certo é que pouco. Ten a mesma estrutura rectangular, idénticas dimensións -20x27 como está fixado por lei-, o lugar habilitado para atracar o barco é igual, tamén se fondea cunha cadea, ten flotadores e pontones como as tradicionais... O realmente novo é o material. Innovador no que se refire a bateas de cría de mexillón, porque o certo é que o polietileno de alta densidade está presente na acuicultura desde hai máis de 50 anos. De que material están feitas se non as gaiolas dos peixes?  

Sen corrosión nin arneirón

E é nese campo onde este plástico deu sobradas probas de validez, demostrando que é resistente ao ataque da corrosión e organismos mariños, que apenas ten mantemento, que é flexible, robusto e duradeiro, «inalterable, inatacable polo mar e reciclable», agrega Serrano. A nova batea é máis lixeira, reduce o número de niveis das actuais e é máis baixa, está máis próxima á superficie do mar. Iso supón unha vantaxe, segundo Serrano, á hora de afrontar os temporais, pois estará menos castigada polo vento e mitigaranse -ou iso agardan- o impacto deses saltos que o mar lles fai dar e que, cando están cargadas, poden facer que se desprenda o mexillón. A superficie de traballo é antiescorregadizo e, a diferenza dos anteriores modelos, está construída con bloques continuos, sen mordazas, co que se eliminan arestas perigosas no caso de que se produzan caídas.

Durabilidad

Todo iso, en especial que non requira mantemento, convenceu a empresa Recoiro de Ares de que se atopaban ante a batea ideal para cultivar mexillón. «Buscabamos unha alternativa ao modelo tradicional, de eucalipto e caixóns de ferro, e vimos que este era o modelo que necesitabamos», di Rubén Pita, da compaña propietaria da batea, preparado para non ter que facer «practicamente nada», nin pintar nin reparar, nos 50 anos que agarda que lle dure.

Prezo similar e aforro do mantemento

E o prezo? «Similar ao dunha boa batea de madeira nova», apunta o conselleiro de Tepsa. A de polietileno rolda os 85.000 euros, pero «é máis económica porque non ten mantemento, cando a de madeira o precisa cada tres ou catro anos». Os depósitos se oxidan e hai que pintalos, a madeira hai que tratala, reparar ou substituír algunhas vigas... E esa é outra. «Os bateeiros están a atopar dificultades para facerse con listóns de eucalipto do tamaño e calidade que necesitan», di Manuel Serrano. E por iso empezan a ver con outros ollos un polietileno que Tepsa probou, sen demasiado éxito, en Muros .  

O «pata negra» dos plásticos

Podería parecer que este material irrompeu en mal momento agora que se abriu a guerra contra o plástico, do que o polietileno é un máis da familia. Pero este é distinto. É «o xamón de landra dos plásticos», dado que é reciclable e pódese reutilizar noutros produtos. Por iso Serrano atrévese a falar de sistema máis ecolóxico. «Evita a talla de árbores e, ademais, aforra pinturas e vernices que van ao mar», apunta o conselleiro de Tepsa.

Agora é hora de que se pronuncie o sector, en especial Recoiro de Ares, que a probará. Só un pronunciamiento negativo de voces autorizadas poderá romper o convencemento de Serrano de que desta, «por fin vai».