Patrocinado por Patrocinadopor

As poxas de polbo este verán nas lonxas derrúbanse un 46 %

f. fernández / ana gerpe REDACCIÓN / LA VOZ

PESCA E MARISQUEO

CARMELA QUEIJEIRO

O prezo máximo por quilo dispárase un 40 % ante a escaseza de capturas

25 ago 2017 . Actualizado ás 10:23 h.

As descargas de polbo nas lonxas galegas en xullo e agosto caeron un 46 % en relación aos mesmos meses do ano pasado. Así, segundo os datos oficiais dispoñibles no portal estatístico da Consellería do Mar pescadegalicia.gal, este verán hanse poxado nas rulas 264,8 toneladas, fronte ás 489,6 do anterior. Claro que no 2016 desenvolveuse unha campaña excepcional, na que se venderon 3.000 toneladas, un 66 % máis que no 2015. De momento, nos case oito meses deste 2017 pasaron polas lonxas menos da metade, 1.309 toneladas.

Este derrubamento nas capturas desatou unha auténtica crise do polbo no sector, que nin sequera é compensada polo forte incremento das cotizacións do cefalópodo nas poxas. Así, o prezo máximo por quilo aumentou un 40 %, ao pasar de 10,30 euros de media nos meses de xullo e agosto do 2016, a 14,34.

A facturación global nas lonxas por estas capturas caeu un 28 %: de 2,9 millóns baixou a 2,1 entre os mesmos períodos tomados como referencia.

Nunha das principais comarcas pulpeiras de Galicia, a de Barbanza, as capturas que chegan aos principais portos de referencia, Ribeira, Muros, Porto do Son e Lira, son ínfimas. Pola rula ribeirense pasaron o mércores 779 quilogramos e pola muradá, 280. A maioría dos barcos non logran traer a terra máis de vinte quilos, unha cantidade moi inferior á cota establecida. As crecentes dificultades para conseguir cefalópodo provocaron que moitos naseiros cambiasen de actividade. En Ribeira son 40 barcos os que continúan descargando esta mercancía, mentres que en Muros, 16.

Nestas rulas, os prezos seguen polas nubes. Na de Ribeira, os de mellor tamaño acadaron onte 11,50 euros o quilo; os medianos, 9,35.

Na de Muros, antonte, 12 euros, e na de Lira, 12,50. Con todo, moitos naseiros afirman que non compensa porque, ao conseguirse capturas tan baixas, os gastos non cobren os ingresos.

O patrón maior de Bueu , José Manuel Rosas, subliñou que a presente campaña está a resultar «preocupantemente floxa». De feito, avanzou que algunhas das 40 embarcacións que a iniciaron, a principios de xullo, están amarradas, agardando a que as capturas tomen outro cariz. Porque, con tan pouco recurso, «non vale a pena sair».

Os quilos que se descargan son tan poucos que en Bueu suspenderon as poxas diarias e venden directamente por teléfono, especialmente a frigoríficos e á cadea de supermercados Froiz, apuntou Rosas. Os polbos de maior tamaño cotízanse a 11,50 euros o quilo e a 7,60, os medianos.

O patrón maior de Bueu explicou que, na súa opinión, o polbo é unha das especies menos estudadas e que non sabe ben por que abunda e por que non, como este ano. «O polbo compórtase de xeito estraño, en anos de escasez, de repente aparece», aclara.

En todo caso, Rosas avanza que as elevadas cotizacións que está acadado a especie nas lonxas non é só porque escasea aquí, senón tamén en países como Mauritania e Marrocos, «e a demanda é bestial».