Patrocinado por Patrocinadopor

Cinco lonxas acaparan o 75 % do negocio

f. fernández REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

Lonja de A Coruña
Lonxa da Coruña GUSTAVO RIVAS

As rulas de Vigo, A Coruña, Burela, Celeiro e Ribeira facturaron xuntas no que vai de ano 211 millóns, mentres que as que outras 54 que hai en Galicia reuniron 68

21 ago 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

As lonxas galegas facturaron este ano, ata agora, 279 millóns de euros. Pero o 75 % dese diñeiro (211 millóns) xerárono cinco delas: entre as de Vigo , A Coruña, Burela, Celeiro e Ribeira amasaron 211 millóns. Só as dúas primeiras sumaron 112 millóns, isto é, o 40 % do total facturado en Galicia.

O resto do diñeiro procedente da poxa de peixe e marisco galego (68 millóns) procedeu das outras 54 rulas que salpican a costa da comunidade.

De acordo cos datos oficiais que figuran no portal estatístico da Consellería do Mar, pescadegalicia.gal, en comparación co mesmo período do 2016, as vendas proporcionaron un 3,8 % menos de diñeiro ás rulas. A caída reflectiuse tamén nas facturacións desas cinco principais lonxas. A de Vigo ingresou 65,8 millóns de euros, fronte aos 71 do ano pasado, un 7 % menos; a do Muro, na Coruña, pasou de 49 a 47,1 millóns, cun descenso do 3,8 %; Burela, de 46 a 44,2 millóns, un 4 % menos; Celeiro, de 31,9 a 31,6 millóns, cun descenso inferior ao 1 %; e a de Ribeira pasou de facturar 26 millóns a 23,2, o que supón unha caída do 10,7 %.

En todo caso, son as cinco únicas rulas galegas que facturan cantidades de oito díxitos. No outro extremo da táboa de ingresos atópanse lonxas como a de Caión, que ata o momento leva ingresados 1.875 euros, grazas á poxa de 57 quilos de percebes e 185 de polbo. Ou a do Vicedo, que obtivo 6.673 euros coa venda de 91 quilos de berberecho, 27 de percebes e 4.500 de ostra rizada. Que superen o millón de euros pola venda de peixes e mariscos hai 24 lonxas, excluíndo ás cinco grandes. E só as do Grove, Cedeira e Cambados pasan dos catro millóns de facturación.

Menos diñeiro, pero máis quilos

Como se ve polos datos de pescagalicia.gal, as rulas están a ingresar este ano algo menos de diñeiro que o pasado, pero en cambio aumentaron o volume de mercancía poxada. Ou sexa, venden máis por menos. Así, entre o 1 de xaneiro e o 19 de agosto deste 2017, venderon 116.500 toneladas de produtos, un 2 % máis que durante o mesmo período do 2016, cando colocaron 114.164.

Peixe sapo e pescada

Vigo é a lonxa líder de Galicia, a que máis factura. Sácalle case 20 millóns de euros de vantaxe á da Coruña. En cambio, poxa menos cantidade de produtos: 21.800 toneladas, fronte ás 30.977 da súa inmediata competidora. A especie que máis diñeiro lle reportou este ano foi o peixe sapo, polo que obtivo 20,4 millóns de euros. Na Coruña, a raíña foi a pescada, con case 11 millóns en ingresos. Pero Burela facturou tres veces máis por esa mesma especie (31 millóns) e Celeiro, 27 millóns. En Ribeira mandaron o lirio e o xurelo, con 5,4 e 3 millóns de euros, respectivamente.

As poxas tenden a centralizarse nas grandes lonxas e no seo da Federación Galega de Confrarías intentouse en varias ocasións pór sobre a mesa o debate de ver o modo de racionalizar (eufemismo que quere dicir, neste caso, clausurar) o número de depósitos e, xa que logo, de rulas, de momento sen éxito.