«Resisitiré», a canción que entoa o único placeiro de Vilalba

Xosé María Palacios Muruais
Xosé María Palacios VILALBA / LA VOZ

VILALBA

PALACIOS

Luis Miguel Flórez acode á capital chairega dous días por semana desde hai anos, e descarta abandonar

22 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O pescadero Luis Flórez está acostumado á soidade na praza de abastos de Vilalba , pois leva ano e medio como único vendedor. Só está el desde que se marchou o outro que quedaba, tamén pescadero. Para animar o ambiente, ten un transistor, que se oe pouco se chega algún cliente e comprador e vendedor establecen conversación. «Aquí seguirei ata que me xubile», di Flórez, que os martes e os venres, días de mercado na capital chairega, acode coa súa mercancía de peixe e marisco, procedente sobre todo da lonxa de Burela.

Son tantos os anos que leva acudindo a Vilalba que o seu coche, di, case podería realizar en solitario a viaxe, sen condutor. Para confirmar a súa intención de seguir vendendo na praza de abastos, canta un pouco Resisitiré, unha das máis coñecidas cancións do Dúo Dinámico.

De todos os xeitos, non sempre canta, porque nun día como o pasado venres a presenza de clientes obriga a atender aos compradores. En apenas media hora pasaron dez polo seu posto. Cando se lle comenta o dato, Flórez compórtase en clave galega: «É moito ou pouco?», pregunta. Con todo, el encárgase de aclarar a dúbida, e explica que non é un número moi elevado. O Nadal, di, non é para el a mellor época de vendas en Vilalba porque a xente come capón, pito ou carne de porco, e encarga un pouco de marisco como entrante: por exemplo, un cliente coméntalle se lle pode conseguir unhas centolas, e ambos acordan o desenlace para o luns.

«Que veña o mercado para aquí», comenta como solución

Un cartel colocado no exterior informa de que hai anos reformouse o edificio. Os postos se alimentación trasladáronse ao soto. A planta baixa, que antes ocupaban, foi reformada, por iniciativa do anterior goberno local, para converterse en sede dunha unidade de día para persoas maiores, aínda que as instalacións aínda non funcionan. Os postos que se instalaron nun primeiro momento no soto foron botando o peche, e xa só queda Luis Flórez.

O pescadero propón unha solución para animar o recinto: «Que veña o mercado para aquí», di. O campo da feira acolle vendedores os días de feira e de mercado, igual que tamén hai outros que se instalan na praza de Santa María e na do Coronel Pena. Así pois, a Flórez queda a compaña do transistor, das cancións que entoa e dos compradores, a quen pregoa as bondades do seu produto. «Probeina onte, está espectacular», di a unha clienta sobre os lagostinos.