Falece a médico e misioneira vilalbesa María José Carrasco Rouco, irmá do bispo de Lugo

X.M.P. VILALBA / LA VOZ

VILALBA

PALACIOS

Dirixiu un hospital en Malawi e seguiu colaborando con ese país tras regresar á capital chairega

19 dic 2019 . Actualizado ás 21:42 h.

A médico e misioneira vilalbesa María José Carrasco Rouco faleceu hoxe en Madrid. Pertencía desde 1980 á congregación das Carmelitas Misioneiras, e esa condición levouna a África: en Malawi viviu uns 15 anos e dirixiu un hospital. A finais da pasada década volveu á súa Vilalba natal, e atendeu a persoas da Residencia de Persoas Maiores, xestionada pola Fundación Hospital Asilo, aínda que non chegou a desvincularse da súa relación con ese país: por exemplo, chegou a organizar algunha campaña de captación de fondos para enviar a Malawi.

Licenciada en Medicina pola Universidade de Salamanca, pertencía a unha familia moi coñecida da capital chairega. A súa nai, Visitación Rouco Varela, foi mestra; o seu tío Antonio foi arcebispo de Madrid e presidente da Conferencia Episcopal; o seu irmán Alfonso é bispo de Lugo, e a súa irmá María Eugenia exerceu de avogada en Vilalba durante anos. O funeral celébrase o xoves, ás seis e media da tarde, na igrexa parroquial da localidade.