1994: Cando Vilalba tivo arcebispo

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

VILALBA

PALACIOS

Rouco Varela substituíu en Madrid a Suquía, co que coincidira en Santiago

22 oct 2019 . Actualizado ás 08:46 h.

Vilalba tivo o seu arcebispo hai 25 anos. Sen independizarse da diocese de Mondoñedo-Ferrol, da que forma parte, a capital chairega asistiu en outubro de 1994 a un paso máis na traxectoria dun dos seus veciños máis destacados, Antonio María Rouco Varela, que tomou posesión como responsable da arquidiocese de Madrid. Nese posto permaneceu ata o 2014.

O nomeamento e a toma de posesión foron un capítulo sinalado nunha carreira que xa empezara antes. Deu o salto á capital de España desde Santiago de Compostela, onde era arcebispo desde comezos dos oitenta. Accedera a ese cargo desde o de bispo auxiliar, que exerceu sendo arcebispo Anxo Suquía. As traxectorias de ambos teñen outros puntos en común: en primeiro lugar, Suquía precedeu ao vilalbés como responsable da arquidiocese de Madrid; en segundo, os dous estiveron a cargo de a Conferencia Episcopal -entre ambos a presidiu Elías Yanes-; para rematar, tanto un como outro recibiron o título de cardeais.

Como moitos mozos da Terra Chá e doutras zonas que seguiron a carreira eclesiástica, Rouco Varela estudou primeiro no Seminario de Mondoñedo, onde exerceu como profesor tras concluír a súa etapa de formación. Tamén foi docente en Múnic e en Salamanca antes de pasar a ocupar o cargo de bispo auxiliar de Santiago.

Con todo, por ter marchado da súa vila natal sendo un mozo e por ter vivido logo en distintas cidades non rompeu os seus vínculos con Vilalba, onde aínda viven familiares seus. Por exemplo, adoita pasar uns días na capital chairega por Nadal, e aproveita esa estancia para visitar a residencia da terceira idade, onde segue un esquema máis ou menos fixo: oficia unha misa na capela; reúnese brevemente con membros do padroado da Fundación Hospital Asilo, da que depende o centro, e logo pasa ao comedor, onde saúda aos internos, que nese momento están a piques de cear ou ceando xa.

Neses momentos vese un Rouco Varela afable e próximo, que tanto lembra detalles da súa etapa de estudante en Mondoñedo como se interesa por cuestións dos internos da residencia cos que conversa brevemente. Cando está en Vilalba, tamén adoita celebrar misa na igrexa parroquial.

Rouco Varela non necesitou o nomeamento de cardeal para ser recoñecido no seu lugar de orixe, posto que xa antes, pola súa condición de bispo, dedicóuselle unha rúa en Vilalba. Na súa toma posesión como arcebispo non lle faltou a calor de veciños, pois de Vilalba saíron varios autocares para asistir ao acto. Ao día seguinte, como arcebispo, oficiou unha misa para eles.

En febreiro de 1998, de novo tivo lugar fóra de Vilalba un acto no que a Rouco Varela acompañárono paisanos: recibiu no Vaticano o capelo cardinalicio, e de Vilalba saíu unha expedición de decenas de persoas. A unidade pastoral vilalbesa organizou en maio deste ano unha viaxe ao Vaticano e a Roma, e Rouco tomou un avión en Madrid, onde vive, para acompañar ao grupo. A expedición foi saudada polo papa na praza de San Pedro.

Chegou á capital de España tras ter sido bispo auxiliar en Compostela e logo foi cardeal