O parque acuático de Vilalba non se abrirá mentres non se fagan melloras

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

VILALBA

oscar cela

As instalacións presentan fallos que as fan inseguras, segundo o Concello

26 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O parque acuático de Vilalba non abrirá as súas portas este ano na época habitual, que adoitaba ser nos últimos días de xullo, nin hai aínda unha data máis ou menos aproximada para o inicio da actividade. A razón está nunha serie de danos que se observaron nas instalacións e que esixen reparacións cuxas características están aínda sen concretar.

O concelleiro Rodrigo Pavón explicou onte que non se abriría o parque acuático sen ter todas as garantías de que o recinto podería funcionar correctamente. «Ante todo é a seguridade das persoas», dixo. O edil desvelou que se atoparon unha serie de deficiencias: hai tobogáns en mal estado, baldosas rotas e problemas coa subministración eléctrica, detallou.

O Concello solicitou aos servizos técnicos municipais e á empresa encargada do parque acuático, a mesma que é concesionaria da piscina municipal, senllos informes que inclúan con claridade os actuais problemas das instalacións. As obras que se recollan como necesarias e o tempo que estime necesario para levalas a cabo determinarán en última instancia os prazos de apertura. Pavón non apuntou posibles prazos con perspectivas favorables ou negativas.

 Posible apertura parcial

De todos os xeitos, o concelleiro tampouco pechou a porta á posibilidade de abrir parcialmente o parque acuático, permitindo só o acceso á zona que ofreza as mellores condicións de uso para os visitantes. Segundo explicou Pavón, a parte onde se observan as principais carencias é a réplica da torre medieval dos Andrade.

Mentres tanto, na contorna do rói Magdalena, preto do parque acuático, están a levarse a cabo estes días outros traballos, propias da chegada do verán e da proximidade das vacacións escolares. Persoal do Concello vilalbés está acondicionando o tramo de río próximo á ponte, moi usado como zona de baño, e cortando o céspede da área recreativa