Residuos na Galicia urbana e industrial, abono en Terra Chá

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

VILALBA

PALACIOS

Os lodos de depuradoras acaban en zonas rurais, lonxe dos lugares onde se producen

18 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Residuos de cidades e de áreas industriais acaban formando parte de lodos que se usan no abono de terreos de uso agrícola. Ese proceso conecta a Galicia de máis densidade demográfica con outra algo afastada e menos poboada, da que forman parte zonas como Terra Cháa . A chairega é unha das comarcas onde van parar eses residuos tras ter pasado por plantas de tratamento, situadas tanto na zona como en territorios próximos.

A intoxicación de tres persoas dunha mesma familia en (Vilalba), Vilapedre ocorrida o luns mentres se baleiraba un camión con sustancias dese tipo, puxo de manifesto a necesidade de respectar un correcto uso dese material.

 ORIXE

Sustancias diversas na súa procedencia. Cunha consulta ao decreto que regula a utilización de lodos de depuradora no sector agrario en Galicia, publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG), obsérvase a variedade de materiais que poden acabar transformados en abonos. A reutilización (artigo 3.1.a) é posible se proceden de depuradoras de augas residuais urbanas, sexan públicas ou privadas, aínda que non se chegan de instalacións que soamente dan servizo a polígonos industriais ou a complexos hospitalarios. Tamén está admitido o seu emprego (artigo 3.1.b) se se trataron tras chegar de fosas sépticas domésticas.

 Un terceiro grupo (artigo 3.1.c) é o formado por material procedente de agroindustrias que teñan estacións depuradoras «asimilables ás urbanas». Eses lodos poden formarse na elaboración e na preparación de carne, peixe e outros alimentos de orixe animal; na preparación e elaboración de froitas, hortalizas, cereais, aceites comestibles, cacao e café; produción de conservas; produción e extracto de fermento, preparación e fermentación de melazas; na elaboración de azucres; na industria de produtos lácteos; na industria de panadería e pastelería, e na produción de bebidas alcohólicas e non alcohólicas.

 EMPREGO

Dous momentos ao ano para a súa utilización. O comezo do outono e da primavera son momentos nos que resulta lóxica a utilización dese material en terreos agrarios. No outono prepáranse as leiras para a colleita de herba que se obterá na primavera, e na primavera, para a colleita de millo que se retirará das parcelas no outono.

 OFERTAS

Sustancias que poden saír gratis aos gandeiros. Unha explotación gandeira do municipio de Vilalba, con varios centenares de reses, recibiu dúas veces unha proposta para usar nas súas leiras lodos procedentes dunha planta de tratamento. As dúas veces rexeitouse o ofrecemento, que só suporía para a explotación o gasto do transporte.

 Que a unha explotación ofrézaselle ese material nunhas condicións a priori vantaxosas pode explicarse pola necesidade de dar saída ás cantidades que se van xerando tras o paso pola planta de tratamento; pero tamén hai outros motivos. Un ten que ver con cuestións de mercado e pode interpretarse como unha oferta nun momento en que nun radio de acción duns 60 quilómetros hai xa varias empresas do mesmo sector e xérase competencia. Outro está relacionado coa actividade en si, posto que o volume económico e o beneficio parecen situarse precisamente no tratamento dos residuos, non na venda do material resultante para actividades do sector agropecuario.

MÁIS CASOS

O modelo, en marcha noutros lugares. O uso de lodos de depuradora unha vez tratados está a ensaiarse tamén, por exemplo, na Comunidade de Madrid. O Instituto Madrileño de Investigación e Desenvolvemento Rural, Agrario e Alimentario (Imidra) puxo en marcha un proxecto que ten, ademais do uso agrario, outra dimensión: estúdase o emprego do material en espazos degradados para favorecer o enraizamiento das especies e diminuír a degradación.

 O dilema entre utilizar xurro da explotación ou material traído de fóra

Ter suficiente xurro parece ser suficiente razón para rexeitar o emprego de lodos de depuradora. No entanto, tamén hai que pensar no custo que supón trasladar e botar o xurro nas leiras: nunha comarca como a Terra Chá, unha explotación con centenares de reses pode ter leiras situadas a varios quilómetros de distancia. Se, por exemplo, unha leira está a dez quilómetros, o proceso de cargar o xurro -tomando como referencia unha cisterna de 20.000 litros-, transportalo e vertelo para logo volver á granxa pode supor como mínimo unha hora de traballo. Se esa operación non se realiza con persoal propio senón cunha empresa, haberá que pagar 100 ou 120 euros por hora de traballo, tendo en conta que unha hectárea de terreo necesita polo menos dúas veces ese abonado. 

Cospeito, un lugar con protestas por este tipo de plantas

A planta de compostaxe do municipio de Cospeito, situada no límite das parroquias de e Santa María de Cospeito de Xermar, causou máis protestas que as doutros lugares. En máis dunha ocasión, de veciños da contorna saíron queixas polos cheiros das instalacións. Doutra banda, o PSOE tamén expuxo as súas críticas e chegou a dubidar do cumprimento das condicións recollidas no acordo de venda dos terreos.