Chegan as parroquias do século XXI

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

VILALBA

PALACIOS

O Obispado de Mondoñedo-Ferrol creará unidades pastorais para paliar a escaseza de novos sacerdotes

04 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Un plan para desenvolver en dez anos ou talvez en menos tempo. A diocese de Mondoñedo-Ferrol afronta un plan de «reorganización misioneira» -así o definiu onte o bispo, Luis Anxo das Heras, nun acto celebrado en Vilalba- que prevé a agrupación de parroquias en unidades pastorais. Hai «non moitos» sacerdotes e unha poboación dispersa, explicou o prelado para xustificar este proxecto. «Hai que enfocalo ben», manifestou, subliñando a súa complexidade.

ORIXE

Unha medida que xa se aplicou pero que se estenderá. O bispo recoñeceu que se aveciñaba un notable cambio; no entanto, recoñeceu que se trataba dun criterio xa instalado na diocese, aínda que esta vez se estenderá a todo o territorio. En Vilalba, xa funciona, desde hai anos, unha unidade pastoral que atende actualmente 16 parroquias (15 son do municipio vilalbés, e unha, Cazás, do de Xermade). Tamén se dá, por exemplo, unha situación similar na comarca do Eume, onde a unidade pastoral das Pontes-Somozas encárgase da atención de 12 parroquias.

A SITUACIÓN

O número de parroquias practicamente cuadriplica ao de sacerdotes. A diocese de Mondoñedo-Ferrol ten 422 parroquias. Ese número practicamente multiplica por catro o de sacerdotes en activo, 111 en total: en primeiro lugar, hai 97 sacerdotes diocesanos con cargo; en segundo, hai cinco de fóra residentes na diocese: catro deles realizan traballos pastorais na zona de Ferrol; en terceiro lugar, hai nove sacerdotes extradiocesanos con cargo -ocúpanse de parroquias en distintas comarcas-. Ademais deses 111 sacerdotes, outros 19 figuran como xubilados.

O SISTEMA

Consulta cos párrocos. O bispo admitiu que os cambios non serían unha decisión tomada exclusivamente co seu criterio, e dixo que a localización e a distribución dunha unidade pastoral acordaríanse máis ben tras consultar cos párrocos afectados. «Eu póñoa onde me digades», dixo a modo de resumo de comentarios mantidos con sacerdotes.

O MODO

Unha división apoiada na vida cotiá. Luis Anxo das Heras asegurou que o criterio polo que unhas parroquias se unirían con outras basearíase máis no contacto habitual dos fregueses e na relación dunhas localidades con outras que en asuntos relacionados coas divisións administrativas. Non é imposible, por exemplo, que unha unidade pastoral abarque parroquias das provincias da Coruña e de Lugo, situación que, doutra banda, xa se dá nestes momentos: dúas parroquias de Xermade, Piñeiro e Roupar, pertencen á unidade pastoral das Pontes-Somozas.

O INICIO

O primeiro paso, en Narón. O bispo explicou que se nomeou un párroco en Narón para que fose preparando a creación dunha unidade pastoral. De cumprirse os prazos apuntados onte, durante o ano próximo e o seguinte continuarase.

As CONSECUENCIAS

Enterros e festas, a salvo. Luis Anxo das Heras admitiu a dificultade de conservar as misas en todas as parroquias polo descenso do número de sacerdotes. Por agora, de todos os xeitos, os enterros celébranse nas parroquias con acompañamento de oficio relixioso e a festa do patrón adoita incluír tamén misa. O bispo mesmo achegou unha experiencia persoal sobre este asunto: dixo que o primeiro domingo de maio visitara unha parroquia, cuxo nome non citou e na que vira a un bo número de persoas acudir ao cemiterio, aproveitando que se celebraba o Día da Nai.

O FUTURO

Os seminaristas estudan fóra. O Seminario de Santa Catalina cesou na súa función docente ao final do curso 2012-13, no que tivera 15 alumnos de ESO. Os alumnos ?neste curso, cinco? estudan no de Lugo en virtude dun acordo de ambos os obispados, como explicou o prelado mindoniense onte. Os alumnos do Seminario Maior estudan en Salamanca. Xa o fixeron nos anos sesenta, e logo, durante uns 30 anos, estudaron no Seminario de Santiago de Compostela.