Xavier P. Docampo

Xulio Xiz

VILALBA

03 jul 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

OuSe digo «O misterio das badaladas», «Cando petan na porta pola noite», ou «A chave das noces», estou a dicir Xabier Puente Docampo. Chairego nado en Rábade en 1946, en Castro hai unha rúa co seu nome, en Vilalba ten monumento no Paseo dos Soños, e a súa traza de bo home, gran escritor e magnífico conversador tíñanlle colleitado lectores e amigos a milleiros.

Mestre comprometido coa renovación pedagóxica, escribiu para nenos e rapaces, foi actor e director teatral; guionista para o audiovisual... E por riba de todo, o seu era a palabra fonda, precisa, adubiada cunha voz rexa, como se a natureza se expresara pola súa voz.

As súas obras deparáronlle os premios máis prezados, fosen o Nacional de Literatura Infantil, o Rañolas á mellor obra xuvenil; o Ibby, ese nobel da literatura para rapaces, ou o Irmandade do Libro.

No 2008, os de Xermolos e a Irmandade Manuel María erguemos, no Paseo dos Soños de Vilalba un monolito dedicado a Agustín Fernández Paz, vilalbés, grandísimo escritor, no que unha pila petrea de libros conserva a súa memoria. No 2009, ergueuse o seguinte monolito, este de ferro, realista e tamén alegórico, a Xavier Puente Docampo. O 2016, fóisenos Agustín, e a mediados deste 2018, Xabier.

Unha vez, Xabier díxome que agora eran moi complicados os diagnósticos das enfermidades, xa que antes só había dúas posibilidades cando alguén morría: ou «levaba tempo encamado» ou «morrera de repente». Xabier arrastrou longa enfermidade, pero para nós, morreu de repente. Que a terra lle sexa leve, e que a onde chegue saiban valóralo e estimalo como Xabier merece.