A arte achégase ás vacas en Vilalba

Xosé María Palacios Muruais
xosé maría PALACIOS VILALBA / LA VOZ

VILALBA

PALACIOS

A SAT As Pandas ten nunha das súas paredes un mural con motivos agrícolas e gandeiros

22 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Que uns gandeiros se unan e formen unha explotación maior da que tiñan é un feito do que se poden contar distintos casos. Que os promotores da iniciativa loiten contra a dificultade de traballar en leiras pequenas, resultado da falta de concentración parcelaria, non é raro. Que nunha granxa de varios centenares de cabezas de gando vacún haxa un mural que decora a entrada principal xa é algo máis novo.

Ese último detalle, como os dous citados antes, pódese apreciar na SAT As Pandas, situada na parroquia vilalbesa de Goiriz. O que chega atópase cun muro -duns 50 metros cadrados, uns 10 de fronte e uns cinco de alto- decorado con motivos moi relacionados coa actividade da nave e coa comarca en xeral.

Unha vaca nun escenario de prados verdes, cunhas montañas ao fondo, compón o conxunto, Tanta é a relación do mural co lugar onde se pintou que a vaca elixida como modelo é unha das da SAT. Ao autor do traballo -Pablo Lage Sanjurjo, que asina as súas obras como #van_kraft- non lle faltaron animais para elixir, xa que a explotación ten unhas 310 reses frisoas.

Acabado o mural, Moisés Vispalia, un dos socios da explotación, explica que xa facía algo de tempo que a idea andaba por cabeza. Cumprido por fin ese desexo, as impresións parece agradables para todos: «A xente di que quedou ben, e nosoutros, tamén. Está logrado», di. Recalca que se se compara o aspecto do muro antes e despois do paso de Pablo Lage Sanjurjo pola explotación, non hai nin o máis mínima marxe de dúbida: agora, afirma, está «dez mil veces mellor».

Ademais da vaca, dos prados e das montañas, no mural hai un logotipo, o de Coren, que colaborou na iniciativa e que fornece o penso para a explotación. Vispalia considera que iniciativas como o mural, aínda que non abunden ata agora en granxas, son unha mostra máis de que as distancias entre o medio urbano e o rural non son as de hai décadas. Iso si, recalca que nunha explotación gandeira hai que traballar «os 365 días do ano».