Unha exposición honra a Xela Arias

Laura López LUGO / LA VOZ

SARRIA

A exposición será itinerante
A exposición será itinerante

A mostra abrirá o xoves 4 na Casa da Cultura de Sarria

03 mares 2021 . Actualizado ás 16:46 h.

A Casa da Cultura de Sarria acolle o xoves 4 ás 17.30 horas a inauguración da exposición Aquela nena de Sarria. , para honrar a Xela Arias, a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas. Arias naceu o 4 de marzo de 1962, polo que cumpriría hoxe 59 anos. A mostra foi organizada polo colectivo Egeria, co apoio da Xunta, o Concello e a Real Academia Galega.

A exposición, composta por doce paneis, reflicte o tempo sarrián e lucense de Xela, a súa querenza por Sarria e o rural, o seu vencello co idioma e o empeño en que se recoñecese Xela como o seu nome real. Complétase con poemas dirixidos a Xela por alumnos dos institutos Xograr Afonso e Gregorio Fernández, por poetas de Sarria e do resto de Galicia que seguen os camiños que Xela trazou, e ata un conxunto de «Vilariñas», especiais micropoemas con imaxes cos que membros da Nova Poesía Guitirica honra a Xela. Tamén se inclúen fotografías facilitadas pola familia de Xela, e debuxos da pintora lucense Sabela Arias.

 A mostra será itinerante, visitando os centros educativos de Sarria, e logo os dos concellos limítrofes, para despois da Festa das Letras iniciar percorrido polo resto de Lugo e Galicia.