Polémica en Sarria polo novo uso do terreo da vella fábrica da Feculera

X.M.P. LUGO / LA VOZ

SARRIA

ALBERTO LÓPEZ

O PP acusa o goberno local de practicar competencia desleal

12 feb 2020 . Actualizado ás 17:53 h.

A posibilidade de dar novos usos ao barrio sarrián de xera A Estación polémica na localidade. O PP censura a actitude do goberno local, xa que, di, o seu interese por comprar a nave coñecida como a Feculera supón no fondo competencia desleal con empresas locais. Ademais, agrega o grupo popular, a viabilidade da operación é dubidosa desde o punto de vista urbanístico, posto que se trata de chan de uso industrial.

Os populares aseguran que o interese do goberno local por ese terreo equivale a atentar claramente contra o futuro de Sarria. Esa consideración apóiase en que, afirma o PP, unha empresa da localidade tiña intención de comprar ese terreo. Así se impide que unha empresa poida crecer, xa que, recalca o grupo popular, é terreo de uso industria nun municipio onde carece ese tipo de terreo. A empresa que, segundo o PP, aspiraba a facerse con esas instalacións ía ampliar o seu persoal en varias decenas de persoas.

Nas críticas do PP está tamén presente o destino que o Concello pode dar aos fondos procedentes dunha doazón. Trátase dos máis de 350.000 euros que un veciño, José Sánchez Arias, cedeu ao Concello tras ter vendido un piso en Madrid. Na doazón, lembra o PP, inclúese a condición de que o diñeiro se destinase a actuacións de índole cultural ou benéfica. A negociación realizada polo goberno local cunha entidade bancaria, dirixida a comprar as naves e darlles uso cultural, non ten en conta que se trata de terreos catalogados como de uso industrial.

A esas duras críticas do PP engádeselle tamén o feito de que o alcalde se comportou con escurantismo. As naves cuxa compra pretende pechar o Concello tiveron actividade a mediados do século pasado. A abundancia de patacas na comarca sarriá permitiu a fabricación de almidones e glicosas. A localización das instalacións, das que aínda se conserva a cheminea, non era casual, xa que a proximidade coa estación de ferrocarril permitía a saída da mercancía.

O PP sostén, por outra banda, que se o terreo pasase a mans dunha empresa daríase máis actividade a unha zona do centro urbano na que a deterioración creceu ultimamente.