O PP di que Sarria seguirá dividida máis anos pola rescisión do contrato de Ponche Ribeira

María Guntín
maría m. guntín SARRIA / LA VOZ

SARRIA

ALBERTO LÓPEZ

Os populares esixen explicacións inmediatas ao Concello

20 jul 2019 . Actualizado ás 20:50 h.

O alcalde de Sarria, Claudio Garrido, rescindiu o contrato das obras de acondicionamento e reapertura de Ponche Ribeira adxudicadas no mandato anterior.

«Entendemos que esta é unha decisión moi grave e que non se deron explicacións», indica José Antonio García, portavoz dos populares en Sarria, que tamén indica que o seu grupo presentará unha moción no próximo pleno para esixir explicacións das consecuencias que ten a rescisión do contrato.

«En primeiro lugar, deixar a obra sen proxecto podería supor un atraso de dous ou tres anos, tamén supón un sobrecusto, no novo goberno podería estar involucrada xente da plataforma que denunciou as obras e tampouco temos claro quen vai pagar a indemnización á empresa da que se prescindiu», conta José Antonio García.

Os populares recalcan que esixen coñecer as opinións dos veciños e tamén a da Confederación Hidrográfica Miño Sil.

Outros puntos clave

Desde a presentación do proxecto de terminación de Ponche Ribeira sucedéronse os problemas. Primeiro, unha alegación presentada por unha ducia de veciños e que dicía que o estribo esquerdo da ponte non podería moverse do lugar paralizou as obras. Despois, a comisaría de augas deu luz verde ao proxecto para mellorar a ponte, que leva máis de catro anos cortado, divide o municipio en dúas partes e obriga a veciños e peregrinos a realizar tramos alternativos.

Posteriormente, o Concello comprometeuse a asumir por completo o custo da obra despois de que a Confederación redactase o proxecto e pouco despois alegase que este non se podía levar a cabo polo grao de protección de Ponche Ribeira no plan especial do centro histórico e do Camiño de Santiago presentado polo Concello.

Hai un ano, o Concello deu luz verde á licitación e adxudicáronse cun investimento de 392.000 euros. A obras terían que estar acabadas desde finais do ano 2018.