Manu Carreira ficha pola Sarriá

luís conde MONFORTE / LA VOZ

SARRIA

ROI FERNÁNDEZ

O defensa monfortino regresa ao club de Ribela para competir na Preferente

15 jul 2019 . Actualizado ás 19:18 h.

O futbolista monfortino Manu Carreira xogará a próxima tempada no grupo norte da Preferente Autonómica. O defensa local regresa á SD Sarriá, equipo do que formou parte media tempada -foi no primeiro tramo da pasada liga-.

Os seus últimos meses pasounos no Atlético Escairón, club que tamén quería contar cos seus servizos a pasada campaña. Finalmente, o monfortino, que acaba de cumprir 21 anos, inclinouse pola proposta da entidade de Ribela. «Como sempre comentei, a miña prioridade é xogar o máis arriba posible, e o feito de que a SD Sarriá compita en Preferente foi clave para que me inclinase por unha oferta, que me satisfai tanto no deportivo como no económico», sinala Carreira.

O monfortino agradece ao Escairón o trato que lle dispensou. «Aí estiven moi cómodo, e de feito eles querían que seguise, pero optei pola Preferente», di Carreira.

Con esta fichaxe, a SD Sarriá leva a un futbolista novo, con proxección e experiencia. Hai que destacar que Manu se estreou na Preferente con 17 anos. Foi o Club Lemos o que lle deu a oportunidade de debutar, e o defensa local cumpriu con solvencia.

O seu regreso ao Lemos

A pesar de que se especulou coa posibilidade de que regresase ao Club Lemos, esta opción nunca existiu. «Claro que me tería gustado volver ao equipo no que debutei en Preferente. De feito falei con José Luis Campos, pero entendo que o adestrador busca outro perfil de futbolista. No entanto, aínda son novo e estou seguro que algún día volveremos cruzar os nosos camiños», engade Carreira.

O feito de que hai dúas tempadas inclinásese polo Atlético Escairón en Preferente e descartase ao Club Lemos tamén pode ter influído en que desde as altas instancias da entidade monfortina non tivesen agora ao futbolista como opción de presente.

Manu Carreira encara esta nova etapa con moita ilusión. «Teño moitas ganas de comezar a adestrar e a competir. Creo que imos facer unha gran tempada, porque a SD Sarriá mantén practicamente o bloque do ano pasado. É verdade que a nosa prioridade é a permanencia, pero se podemos loitar por estar máis arriba farémolo», asegura o defensa monfortino.

O ano que vén, Manu compaxinará o fútbol co seu máster de formación de profesorado, curso que fará en Lugo.

Dúas fichaxes máis

Polo que respecta ao Club Lemos, a directiva traballa na contratación de dous futbolistas máis, que chegarían para reforzar a dianteira. A inesperada marcha de Rubén Díaz ao Escairón obriga á comisión deportiva a rastrexar o mercado en busca de futbolistas que teñan como mínimo a mesma calidade. O técnico quere empezar a pretemporada con todos os seus efectivos.