Un motorista de 58 anos morre nunha colisión frontal en Sarria

t. taboada LUGO / LA VOZ

SARRIA

01 oct 2019 . Actualizado ás 14:14 h.

Higinio López Taboada, un carpinteiro de Sarria de 58 anos faleceu onte ao mediodía nun accidente de tráfico rexistrado no punto quilométrico 29,9 da estrada LU-546, á altura da Valiña, na localidade sarriá.

O sinistro ocorreu pasada a unha da tarde e consistiu nunha colisión frontal entre un turismo e unha motocicleta. Segundo as primeiras investigacións, o falecido circulaba na motocicleta, que foi acadada polo vehículo que se dirixía cara a un restaurante.

Segundo informou o 112, ao lugar foron mobilizados unha ambulancia e o helicóptero medicalizado. Ademais, o suceso púxose en coñecemento de Garda Civil de Tráfico, Protección Civil e bombeiros. O falecido, que deixa esposa e dúas fillas, será enterrado ás oito menos cuarto desta tarde na igrexa de Santa Mariña de Sarria.