O Concello de Sarria dá luz verde á licitación de Ponche Ribeira

Laura López LUGO / LA VOZ

SARRIA

ALBERTO LÓPEZ

A alcaldesa confía en que as obras comecen antes de dous meses

30 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Sarria dá luz verde á licitación de Ponche Ribeira, tras anos de espera. A xunta de goberno aprobou onte sacar a licitación as obras e os pregos coas condicións. As empresas interesadas dispoñen agora de vinte días para presentar as súas ofertas.

A alcaldesa, Pilar López, mostrou onte a súa satisfacción por este paso que, segundo explicou, permitirá que as obras poidan comezar nun prazo de mes e medio. «A ponte leva catro anos cortada, unha ponte que está na entrada a Sarria polo Camiño Francés, e levamos loitado moito para poder abrila», explicou a rexedora. O paso que faltaba era o visto e prace da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, un permiso que chegou en xuño. «A isto temos que sumar os informes favorables de Patrimonio e de Medio Ambiente, que xa tiñamos», continúa a rexedora.

Para levar a cabo a licitación, o Concello achegará 350.000 euros, e a Deputación, 150.000. Aínda así, a alcaldesa matizou que xa ten unha entrevista solicitada para que a Confederación achegue os 350.000 euros ou «compense» dalgún modo aos veciños de Sarria por ese diñeiro.

Unha vez presentadas as ofertas, revisaranse para a súa adxudicación e poderanse contratar as obras.