O licor que estivo a piques de acabar con Samos

Xosé Carreira LUGO / LA VOZ

SAMOS

ARQUIVO FOTOGRAFICO DO MOSTEIRO DE SAMOS

«Son imaxes que non se me borran», di un dos frades que resultou ferido o incendio do mosteiro

19 abr 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

«Son imaxes que non se me borran». Bernardo García Pintado é un dos monxes que sobreviviu ao devastador incendio do mosteiro de Samos, ocorrido o 24 de setembro de 1951 e de grandes proporcións como o de Notre Dame. O frade, de 84 anos, está agora no mosteiro de Silos, en Burgos. Non esquece o vivido. Nunha breve conversación mantida onte -«estou moi apurado porque teño que preparar unha conferencia de Semana Santa»- dixo que o que vivira na mañá do día antes apuntado supuxera un trauma para el porque viu como o novicio Daniel Fernández, de 14 anos, de Xinzo, morría no contratempo. Outro compañeiro, de 12 anos, tratou de rescatalo, pero non o conseguiu. En cambio, si puido salvar ao monxe encargado da licorería, Benito González.

Foi a licorería do mosteiro a que estivo a piques de facer desaparecer o complexo monástico. De feito quedou moi danado, pero os monxes, conseguiron levar a cabo a restauración nun tempo bastante razoable: nove anos.

Bernardo García Pintado volveu en 2014 ao mosteiro no que estivo a piques de morrer. De feito, lembrou, que sufriu queimaduras no brazo dereito e unha parte da cara. Tiña 16 anos cando se produciu o contratempo. Con esa idade estaba na licorería, á que había ir co outro novicio que non se salvou, porque o frade encargado de facer o Licor PAX chamounos para que colaborasen. Tiñan que pór un tubo nunha depósito. O que ocorreu foi que se produciu unha gran deflagración e que rapidamente todo empezou a arder.

A información publicada por La Voz de Galicia, na súa portada do 26 de setembro de 1951, apunta que o «gran incendio» destruíu por completo o histórico mosteiro benedictino de Samos, «do cal só se salvaron as paredes e a magnífica igrexa conventual».

«Todo o interior da famosa abadía, que foi sede de sabios e santos homes e que constituía unha auténtica obra de arte, quedou reducido a cascallos e a cinzas, perdéndose unha inestimable colección de riquezas espirituais, tales como a biblioteca dos manuscritos do Pai Feijoo, cuxa desaparición fai aínda moitísimo máis lamentables e irreparables tales perdas materiais que implica a destrución do mosteiro polas chamas», apunta a información.

«O sinistro produciuse nas destilerías nas que os benedictinos da colectividade fabricaban a súa tan estimado licor. Segundo parece, cando se estaban facendo operacións de destilación, un dos que traballaban nelas achegou un misto ao depósito de alcol que contiña habitualmente uns cinco mil litros. Entón produciuse unha formidable explosión, seguida dun gran incendio cuxas chamas se estenderon rapidamente ao resto do edificio».

O lume estivo a piques de facer desaparecer o mosteiro polo elevado custo da restauración. Algúns integrantes do goberno franquista suxeriron abandonar o recinto e que os monxes se fosen a Santiago. Pero o prior de entón, Mauro Gómez, desatendeu as suxestións e puxo en marcha unha campaña para conseguir fondos. Non tiña os medios que agora hai en París para reconstruír Notre Dame.

ARQUIVO FOTOGRAFICO DO MOSTEIRO DE SAMOS

O monxe, nacido en Samos, percorreu varios países de América e trouxo diñeiro para as obras. Tamén o goberno de Franco acabou colaborando. O ditador asistiu á inauguración das obras e axeonllándose ante o frade para bicarlle o anel.

As obras de reconstrución tardaron polo menos nove anos. Comezaron aos poucos meses do incendio e tiveron un forte impulso a partir de 1954. A inauguración foi en 1960. En 1538 outro incendio queimou o arquivo e gran parte da abadía, segundo algunhas informacións.