¿Que fan os concellos pequenos para ter bebés?

Ofrecer servizos e emprego é tan importante como conceder cheques, segundo os alcaldes


Vilalba / LA VOZ

Por encima de superficies, de proximidade a importantes vías de comunicación ou de siglas políticas de quen gobernan, un trazo que une a moitos concellos é a perda de poboación nos últimos anos. Derivada desa situación xorde outra circunstancia que tamén resulta común para moitos concellos, a procura de medidas que poidan fomentar a natalidade, fixar poboación e evitar que a pirámide de poboación só creza por arriba.

Conceder axudas ás familias é unha práctica bastante frecuente, aínda que os mandatarios locais tamén recoñecen que esas decisións valen de pouco se non van acompañadas de creación de emprego ou de servizos para a poboación.

asistencia

Distintas contías económicas e diversas formas. O Concello de Riotorto reserva unha partida anual de 6.000 euros para axudas a familias. As contías van de 900 a 1.500 euros e concrétanse en función da renda. Para o alcalde, Clemente Iglesias , conceder axudas supón contribuír de modo indirecto a que continúe aberto o colexio. «Cos recursos que temos, non podemos facer moito máis», di.

A mesma cantidade que Riotorto é a que destinaba o Concello da Xermade este fin, aínda que algún ano -ocorreu no 2017, por exemplo- a partida esgotouse antes do 31 de decembro ao haber máis nacementos do habitual. No 2017 naceron once nenos; no 2018, oito, segundo fontes municipais.

Hai concellos nos que as axudas non se conceden por falta de nacementos: o alcalde de Muras, Manuel Requeijo, manifestou o venres que o ano pasado non se deu ningunha por non ter nacido ningún neno. O actual goberno local cambiou o sistema de entregas directas polo de axudas para a compra de diverso material que adoitan necesitar os bebés -cueiros ou cremas, por exemplo-.

Doutra banda, algúns concellos non só dan fondos á natalidade senón tamén á acollida. Ocorre, por exemplo, en Friol, onde cada nacemento ou cada adopción teñen unha axuda de 600 euros, postura recollida por primeira vez nos orzamentos municipais deste ano.

dotacións

Un lugar para os máis pequenos, un obxectivo claro. Riotorto ten unha casa niño, á que asisten cinco nenos. «Estes recursos son necesarios», afirma Iglesias . Xermade tamén conta con ese servizo, en tanto que Friol dispón dun Punto de Atención á Infancia (PAI) e Muras acaba de terminar o acondicionamento dun servizo dese tipo. Para Requeijo, non hai dúbida da súa necesidade: «Por moita axuda que deamos, se non hai un PAI non queda ninguén», opina.

Un caso similar, aínda que con matices distintos, é o de Guitiriz, onde funciona desde hai anos un PAI que o goberno local pretende converter en escola infantil, aínda que para iso hai que afrontar uns trámites nos que interveñen outras administracións. Lograr ese propósito permitiría contar con outra aula máis e aumentar o número de nenos inscritos.

O Concello guitiricense non concede axudas á natalidade, aínda que a alcaldesa, Regina Polín, destaca dous programas municipais -que permiten aos nenos, respectivamente, estar no colexio antes do inicio das clases e despois do final- como un apoio eficaz para as familias.

estímulo

O emprego, imprescindible. O Concello de aspira Riotorto desde hai anos a contar cun polígono industrial, cuxos trámites están en marcha; no entanto, o alcalde destaca o potencial agrario do municipio e a presenza dalgunha empresa que comercializa cultivos. Para o rexedor de , Xermadedinamizar o parque empresarial e lograr a realización dalgunha concentración parcelaria son, para fixar poboación, medidas tan importantes como as axudas por nacemento. Para o alcalde de Friol, tamén é importante que un concello dea facilidades a emprendedores . O Concello de Muras está a afrontar, en solitario, a construción dun polígono industrial.

«Se quero fixar pobación, non me quites servizos», di Primitivo Iglesias

O alcalde de , A PastorizaPrimitivo Iglesias , ten claro como deben fixarse as prioridades para intentar fixar poboación: «Creo que as administracións locais deben prestar servizos, e logo, como complemento, están as axudas á natalidade». No entanto, subliña que nese obxectivo interveñen tamén outras administracións con moita responsabilidade. Para Iglesias , que un municipio quede sen atención médica polas tardes ou que se insinúe o peche de cuartees da Garda Civil non encaixan ben cos esforzos municipais: «Se quero fixar poboación, non me quites servizos», di.

Seguir lendo

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
0 votos
Comentarios

¿Que fan os concellos pequenos para ter bebés?