Rábade organiza un concurso de disfraces na casa

a voz LUGO

RÁBADE

Concurso de disfraces de Rábade do ano 2016
Concurso de disfraces de Rábade do ano 2016 RODRIGO DÍAZ

Para participar hai que enviar fotos ou vídeos nas categorías de comparsa familiar, parellas ou individual

29 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Rábade convoca o tradicional concurso de disfraces cun formato diferente por mor da pandemia do covid e para garantir as debidas medidas sanitarias e de seguridade coas seguintes categorías e unicamente podendo participar persoas dentro dun só núcleo familiar: Comparsa Familiar (premios de 200, 150 e 100 euros para os tres primeiros), Parellas (100, 80 e 60 euros), e Individuais (100, 80 e 60 euros).

As modalidades para participar son a través de fotografías, só válidas en formato JPG ou PNG, ou a través de vídeo, cun máximo de 20 segundos. A temática nas dúas modalidades estará relacionada co Entroido.

A participación queda aberta a todas as persoas que o desexen, sempre dentro do mesmo núcleo familiar (persoas convivintes) e a máscara é obrigatoria, aínda que o disfrace cubra o rostro. Cada familia ou membro dunha familia só poderá participar nunha modalidade e categoría.

A inscrición dos participantes farase do 1 ao 12 de febreiro, enviando unha foto a asociocultural@rabade.org ou un vídeo por whatsapp ao no de teléfono 682 741 000 aportando os seguintes datos: nome do disfrace ou do vídeo, teléfono e folla de inscrición debidamente cuberta.

Todos os participantes deberán asinar unha solicitude de inscrición, de protección de datos e unha autorización para dar o consentimento de cesión dos dereitos das fotos para publicar as mesmas nos distintos programas organizados polo Concello. As bases pódense consultar na web municipal www.concelloderabade.es ou chamando ao teléfono da área de Cultura, 982 390 062.

A cualificación dos participantes será determinada polo xurado do concurso que estará formado por un representante do Concello, un da Asociación de Comerciantes de Rábade e da Asociación de Hostalería de Rábade. Terase en conta o deseño dos traxes, a imaxinación, e a orixinalidade.

Os premiados daranse a coñecer o martes 16 de febreiro nas redes sociais e web do Concello.