A historia de Audi é grande, e en Portomarín ensínancha en miniatura

juan lojo REDACCIÓN / LA VOZ

PORTOMARÍN

ÓSCAR CELA

Non fai falta viaxar a Baviera, onde Audi ten o seu gran museo, para percorrer a historia de Audi. No que o avogado lucense Carlos Somoza abriu en Portomarín (Lugo) é posible percorrer gran parte do pasado da marca.

31 oct 2019 . Actualizado ás 19:31 h.

Comezou coleccionado Minis en miniatura, porque estaba namorado dese modelo, que foi o seu primeiro coche; logo pasou a diversas pezas históricas e cando se deu conta tiña uns 1.500 coches de escala 1: 43 repartidos por todos os recunchos da súa casa. «Ía de viaxe ao estranxeiro e traíame un par deles, e todo o mundo que sabía da miña afección regalábame outros». Así resume Carlos Somoza a súa paixón polos vehículos en miniatura e as orixes da iniciativa de abrir este museo en Portomarín, detrás do concello, no que foron os locais da praza de abastos. Trátase dunha exposición permanente que está a ter un gran éxito desde a súa apertura, o pasado verán, con afluencia de visitas escolares, apaixonados do motor e nostálxicos das épocas heroicas da estrada.

Porque a colección do Museo da Historia da Automoción en Miniatura de Portomarín propón, basicamente unha revisión do pasado, desde o ano 1886, deixando de lado os modelos máis actuais que son moi doados de conseguir nas numerosas coleccións que saen á venda «e -apunta Carlos- na súa versión a escala non me ofrecen o encanto dos de antes».

E nesta exposición pode percorrerse boa parte da evolución de Audi que, como lembra Carlos Somoza, ten unhas orixes máis remotas que o coñecido emblema dos catro aros, que se creou en 1932 para simbolizar a fusión de catro fabricantes de automóbiles: Audi, DKW, Horch e Wanderer; e que en 1969, tras percorrer diversos camiños. xa se establecería como marca, Audi NSU, e un lema: «Á vangarda da técnica». Por iso, Carlos móstranos como algunhas das xoias da súa colección un Horch 853 Cabriolet do 38, varias daquelas incombustibles furgonetas DKW, que os máis veteranos lembrarán percorrendo as rúas das cidades cos máis diversos labores (venda de xeados, repartición de comestibles...) e, está claro, unha reprodución do Audi Quattro de Mikkola e Hertz de 1983. Unha gran historia en frasco pequeno.

Non esquezas de comprobar os teus números do primeiro cartón

 

Este mércores, xoves e venres La Voz publica novos cupóns e números do xogo correspondentes a esta semana para o sorteo do primeiro dos tres Audi A1. A promoción continuará a próxima semana, de luns a venres, e o domingo 10 entregarase co xornal a segunda cartilla coa que se poderá optar a un novo A1. Como xa saben os lectores que levan xogando desde o pasado luns, nos cartóns hai que ir tachando os números que se inclúan eses días no interior do diario e que coincidan cos das cartillas. O lector que consiga completar un panel deberá a avisar a La Voz (902 203 017) para converterse en finalista e asegurarse a súa participación no sorteo dun Audi A1.

Ademais, as cartillas non premiadas terán unha última oportunidade, un premio de 10.000 euros que se sorteará despois de que saian os tres gañadores do xogo.

Máis información