Abre en Portomarín con mil coches o Museo da historia da automoción en miniatura

La Voz LUGO / LA VOZ

PORTOMARÍN

Carlos Castro

Está situado en locais que pertenceron á praza de abastos

14 ago 2019 . Actualizado ás 16:01 h.

Hoxe á unha da tarde inaugúrase en Portomarín o Museo da historia da automoción en miniatura. No que foron antigos locais da praza de abastos, detrás do consistorio, abre un museo único na provincia e un dos mellores do seu estilo en España. Ten mil reproducións de coches a escala 1:43 e ademais de turismos hai camións, autobuses, coches de bombeiros, de ralis, de fórmula uno ou mesmo os vehículos de Tintín.

O museo é propiedade do avogado lucense Carlos Somoza, que ademais desta afección aos coches en miniatura e clásicos, tamén ten a empresa Clásicos de voda, para alugar coches antigos aos noivos.

Na inauguración de hoxe presentará o museo e as súas seccións e dará todos os detalles da parte didáctica e de como organizará as visitas de colexios, xeriátricos e outros colectivos.

Onte avanzou que estará aberto todos os días do ano de 16.30 a 20.30 e que contará cun empregado para explicalo. Cobrará entrada de dous euros a nenos e tres a adultos. A tenor do moito público que o visitou xa onte, ao público parécelle barato.