Paradela acolle por vez primeira a cata do consello regulador que valora os viños da colleita

La Voz MONFORTE / LA VOZ

PARADELA

ROI FERNANDEZ

12 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A cata de cualificación da colleita, de carácter rotario entre os municipios acollidos á denominación de orixe, celebrarase este ano en Paradela. Sete das súas parroquias figuran no mapa vitícola de Ribeira Sacra desde o ano 2000, cando se autorizou a ampliación da denominación de orixe a zonas produtoras ligadas ao Camiño de Santiago. En Paradela foron admitidas entón as parroquias das Cortes, San Martiño de Castro, San Facundo de Ribas de Miño, Castro, Santalla de Paradela, Aldosende, A Laxe e San Vicente de Paradela, que forman parte da subzona de Ribeiras do Miño.

O despegamento da viticultura neste municipio, con todo, dista moito do que experimentou noutros puntos da Ribeira Sacra. Actualmente hai cincuenta viticultores inscritos no consello regulador e unha superficie de viñedo practicamente testemuñal.

Dez mostras

A cata de cualificación terá lugar o venres 22 de febreiro no centro sociocultural Manuel Oreste Rodríguez. Un grupo de expertos elixidos polo consello regulador porá nota aos viños da colleita do 2018. Para iso valorarán a cegas un total de dez mostras, dous de cada un das cinco subzonas que integran a denominación de orixe. Serán na súa maioría de marcas das adegas de maior volume de produción, para que o resultado sexa representativo da calidade da anada.