Viños de Laura Lorenzo, Prádio e Sílice optan aos premios Mágnum

La Voz MONFORTE / LA VOZ

PARADELA

ROI FERNANDEZ

Adega Algueira está nomeada entre as mellores iniciativas de enoturismo en Galicia

12 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Tres adegas situadas xeograficamente na Ribeira Sacra optan este ano ao premio ao mellor viño galego que concede o Instituto Galego do Viño. Os nomeados son Sílice Lobeiras 2016 (Sílice Viticultores), Azos do Pobo 2016 (Daterra Viticultores) e Prádio BRZ 2014 (Fazenda Prádio). Os aspirantes a esta distinción son en total cinco. Tamén optan aos Premios Mágnum nesa mesma categoría Fulcro 2016 (Rías Baixas) e Ribeiras do Armea 2014 (Betanzos).

As adegas de Sílice, Daterra e Prádio están situadas, respectivamente, en Sober, Trives e A Peroxa. Os tres viños que optan aos Premios Mágnum elabóranse con uva de viñedos desas zonas, nalgúns casos amparados pola denominación de orixe. Pero en todos os casos os viños saen ao mercado sen o selo do consello regulador.

Os viños de Fazenda Prádio comercializáronse nunha primeira etapa dentro da denominación de orixe. O adegueiro, Xabi Seoane, optou hai anos por abandonala para poder elaborar sen as ataduras que implica o regulamento do consello regulador. O viño polo que foi nomeado aos Premios Mágnum é da variedade brancellao.

Daterra Viticultores, proxecto de Laura Lorenzo na zona do Bibei, tamén saíu da denominación de orixe tras unha etapa inicial na que os seus viños levaban o selo de Ribeira Sacra. Polo que respecta a Sílice, os seus viños elabóranse coa produción de viñedos acollidos a Ribeira Sacra en Rosende e a subzona de Amandi, aínda que non levan o selo do consello regulador. A adega foi unha iniciativa dos irmáns Carlos e Juan Manuel Rodríguez -orixinarios de Sober- e do enólogo Fredi Torres.

O Instituto Galego do Viño fixo pública esta semana a relación de nomeados, entre os que figura ademais a adega de Ribeira Sacra Algueira na categoría de mellor iniciativa de enoturismo. Tamén deu a coñecer a composición do xurado, que está formado por Ferrán Centelles, Paco Berciano, César Ruiz, Miguel Anxo Bicada, Adrán Guerra, Fernando Filgueira, Carlos Amoedo, Mario Barrio, Esther Daporta, Eduardo Camiña, Luis Díaz, José Martínez, Juanjo Figueroa, Alexia Luca de Tena, Elísabet Castro, Guillermo Cruz e Xoán Cannas.

A entrega de premios será o 25 de novembro en Vilagarcía, no marco da feira independente do viño Castes.