Clamor popular para que lle concedan a Medalla Castelao a Xesús Mato

Xosé Ramón Penoucos Blanco
x. r. penoucos LUGO / LA VOZ

PARADELA

PROPIAS

Concellos, particulares e asociacións reuniron miles de apoios en poucas semanas

18 may 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Paradela, facéndose eco dunha solicitude do Orfeón Lucense, aprobou por unanimidade hai unhas semanas trasladar á Xunta a petición de que o sacerdote natural desta localidade Xesús Mato sexa distinguido coa Medalla Castelao.

A esa petición sumouse pouco despois unha plataforma popular en Change.org que en poucas semanas conta xa con preto de 3.000 asinantes e o seu número continúa en aumento.

O masivo apoio de particulares viuse apoiado polo de institucións como o Consello da Cultura Galega, o Obispado de Lugo e numerosas asociacións culturais, así como o de numerosos sacerdotes empresas relacionadas coa cultura como Galicia Dixital. Desde Paradela solicitaron o respaldo en pleno para esta petición do resto de concellos da provincia e xa o obtiveron de varios concellos que celebraron sesións plenarias e incluírono na orde do día e están á espera de que o fagan os restantes. A petición tamén recibiu apoios doutros concellos de Galicia como o de Lalín.

O respaldo unánime que está recibindo esta solicitude non estraña ao alcalde de Paradela, José Manuel Mato. «É unha persoa moi querida e estase demostrando nuns momentos nos que a xente se volva con el. Nós puxemos o noso granito de area trasladando a petición a Vicepresidencia e con iso en absoluto queremos facer presión nin competir con ninguén, só trasladar algo que nos parece de xustiza».

José Manuel Mato non oculta a importancia que ten para Paradela contar cun veciño como Xesús Mato, xa nomeado Fillo Predilecto hai uns anos. «Para nós é moi importante contar con alguén tan ilustre como este sacerdote que aínda foi capaz de facer unha eucaristía campestre o pasado martes no San Isidro cun precioso sermón no que emocionou a todos os asistentes»

«Un silencio seu é moi ilustrativo e non podemos esquecer que do gran labor que fixo durante toda a súa vida con asociacións como Auxilia, a súa misa en Radio Popular que foi mítica en Lugo sobre todo para os enfermos que non podían asistir á igrexa ou a súa loita constante polo rural galego. Tamén foi vital para a creación dun dos grandes referentes da música popular, Fuxan vos Ventos», dixo José Manuel Mato, quen non dubidou en definir ao seu veciño como «a sotana voadora» pola febril actividade que levou a cabo durante toda a súa vida.

Un dos últimos apoios que recibiu a petición foi o do sociólogo Migue Cancio, quen enviou ao Concello un longo panegírico no que fai un amplo perfil de Xesús Mato no que destaca todas as súas virtudes.