Un xubilado na procura de cohousing

LUCÍA RODRÍGUEZ PENA LUGO / LA VOZ

PALAS DE REI

JOSÉ ANTONIO LÓPEZ

Un docente retirado propón crear cooperativas para que os maiores compartan casa

15 may 2020 . Actualizado ás 13:21 h.

Compartir casa na última etapa da vida entusiasmou aos seus amigos de Facebook cando lanzou alí a idea. Desde que se xubilou hai sete anos, José Antonio López non deixara de darlle voltas ao concepto anglófono de cohousing como unha alternativa ás residencias de anciáns. Sabía que tiña potencial, pero non tiña idea de como levalo a cabo, así que se apuntou á primeira edición de coworking en Palas de Rei, un programa da Consellería de Economía que guía a un total de 18 emprendedores cara os seus obxectivos.

«Non o propoño como un negocio, pero si quero arbitrar as posibilidades para que a xente maior poda xestionar un espazo e vivir en comunidade», explica José Antonio. Natural da parroquia de Filgueira, en Palas de Rei, este docente retirado coñece de primeira man o calado do despoboamento. De memoria, conta as casas do lugar onde naceu, dezanove en total. «En cada unha viven so unha ou dúas persoas», sinala para defender un retiro en comunidade.

 

Beneficios

Cando pensa nun proxecto de vivenda compartida, este mestre ve múltiples beneficios ao considerar que «xenera emprego local, axuda á economía e tamén a combatir a soidade e o despoboamento», posto que permitiría á veciñanza seguir vencellada ao lugar onde viviu sen necesidade de marchar a centros de atención para maiores lonxe do seu entorno.

«Fun novo, pero xa menos. É por iso que penso nisto. Vas vendo que a xente ten que ir a residencias. Parece que a residencia é a única alternativa para os que non teñen fillos, ou para os que os teñen, pero están fora. Aínda que é un mal menor, parece que esa opción non termina de gustar», expón.

Unha casa común para varias persoas maiores permitiríalles, segundo José Antonio, compartir gastos como os que suporían os talleres que contrataran, os servizos sanitarios e outro tipo de atencións.

Pese a todas as vantaxes, este palense non tiña claro como abordar o asunto. Foi Isabel Pérez Barrio, axente de desenvolvemento local, a que tirou del para que se sumara ao primeiro proxecto de coworking en Palas de Rei. José Antonio síntese agora agradecido con ela e co alcalde, Pablo Taboada, por animalo a participar, aínda que non tuvera unha idea de negocio como tal.

Na súa mente se atopa algo semellante ao que viu unha vez no telexornal, un centro ubicado na Comunidade de Madrid, no que os socios dunha cooperativa dispoñían dun edificio cunhas vinte vivendas, construido nun terreo cedido polas institucións.

«A ubicación debería ter uns condicionantes: contar cun autobús de liña nas proximidades, unha farmacia, unha igrexa, estar preto dun núcleo urbano...», enumera. Para José Antonio, este modelo permitiría aos socios dispoñer do control total sobre as decisións do espazo e dos servizos que comparten, además dun proceso de «aprendizaxe» no eido da convivencia.

No seu caso particular, sinala que non se atopa aínda nese intre porque reside coa súa muller, pero decontado engade: «Non me importaría facelo».

O programa de coworking iniciado o martes no centro comarcal Ulloa-Palas bríndalle a oportunidade de adquirir os coñecementos para arrancar. «Penso que me vai a facilitar os instrumentos xurídicos e de xestión para atopar a fórmula correcta para esta idea», afirma.

«Inténtalo, te informas y luego decides», é a mensaxe que a coordinadora do espazo de coworking, Ana Barreiro, transmitiu aos participantes, que contan ata xuño cunha formación xurídica, fiscal, en marketing e de finanzas. Será a guía para que José Antonio descubra se a cooperativa de cohousing é viable.