Os concellos cobrarán ás enerxéticas por tendidos eléctricos e gasodutos

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

PALAS DE REI

FOTO MANUEL

Deputación e 40 municipios farán un inventario das liñas para aplicar as taxas

10 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A loita que emprendeu hai anos o Concello de Arteixo contras as empresas enerxéticas para cobrar pola ocupación das liñas de luz, auga e de gas saldouse en xaneiro do 2017 cunha sentenza do Tribunal Supremo que avalou que os municipios poden cobrar unha taxa ao considerar os tendidos eléctricos ou os gasodutos como contrucciones.

A Deputación de Lugo comezou entón un estudo previo de como se podería aplicar a citada sentenza nos concellos lucenses e onte, o deputado de Cooperación cos Concellos, Argelio Fernández, e técnicos provinciais informaron o informe a representantes dos 40 concellos da provincia que se adheriron ao convenio que permitirá que unha empresa realice un atlas das redes de enerxía que atravesan os concellos. En base a este inventario estableceranse os diferentes tipos de taxas, dependendo das instalacións, as superficies e lonxitudes que ocupan e as tensións de cada unha. «Coñecida a lonxitude realmente ocupada e a natureza da mesma, poderase determinar o valor derivado dos aproveitamentos no correspondente estudio técnico-económico feito pola empresa adxudicataria. Desta forma fixarase, dun modo bastante aproximado, o importe da taxa, valorando a ocupación dos servizos no dominio público», sinalaron os técnicos provinciais.

A Deputación, que invitou a todos os concellos da provincia a participar no convenio, asumirá o 50% do custo da contratación do inventario e o outro 50% serán os concellos. Os municipios que se adheriron son os de: Alfoz, Baralla, Becerreá, Begonte, Bóveda, Castroverde, Cervantes, O Corgo, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Foz, Guntín, O Incio, Láncara, Lourenzá, Lugo, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Paradela, O Páramo, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, A Pobra de Brollón, A Pontenova, Portomarín, Quiroga, Ribadeo, Riotorto, Rábade, Sober, Trabada, Triacastela, O Valadouro, O Vicedo e Viveiro.

Os técnicos da Deputación pediron información aos concellos sobre os bens municipais para determinar, de forma provisional, a lonxitude de ocupación das liñas de tendidos eléctricos e de gasodutos, que servirá de base para o atlas que realice a concesionaria co fin de conseguir unha proposta de tarifas para a imposición e regulación, a través dunha ordenanza, da taxa das instalacións de transporte de enerxía eléctrica e de gas.