O alcalde de Outeiro prescinde do seu soldo ao xubilarse, pero segue exercendo

U. C. LUGO / LA VOZ

OUTEIRO DE REI

cedida

José Pardo pasará a ser un xubilado activo para «aforrar gastos do Concello»

31 jul 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O pleno ordinario de Outeiro de Rei celebrado onte aprobou o cambio de dúas dedicacións por mor da xubilación do rexedor, José Pardo, que aos seus 66 anos prescindirá do salario por parte do Concello aínda que seguirá exercendo con normalidade.

O acordado pola corporación foi eliminar a súa dedicación, de 43.000 euros, e a doutra concelleira parcial, de 27.000, para crear dúas de 25.000 euros cada unha para dous concelleiros a media xornada. Ademais, o goberno local aumentou a asignación de grupos políticos, subindo 300 euros do asignado a cada concelleiro. «Aforramos 16.900 euros con este cambio», explica Pardo. O alcalde popular prescinde da súa dedicación despois de 25 anos na política de Outeiro de Rei e seis eleccións gañadas con maioría absoluta. «Son un xubilado activo, o meu traballo non vai cambiar nada nesta lexislatura. Eu xa non recibo nada do Concello e así aforramos en gastos», declarou. Pardo aínda non adianta se volverá ser candidato para as próximas eleccións municipais.

A súa acción desde 1998 defínea cunha «satisfacción absoluta» que defende cos resultados conseguidos nestes anos. «Ao inicio pensaba que a política non podía ser algo ao que dedicarse profesionalmente, pero ao final si foi», conta. Pardo destaca que co seu goberno «Outeiro de Rei é un dos concellos que máis crece da provincia e dos máis dinámicos», afirma. De feito, o concello lucense é dos poucos que está a conseguir aumentar e asentar poboación.

O último ano tamén pillou por sorpresa a un dos alcaldes máis veteranos da provincia. «Era unha novidade e houbo momentos duros, como o do brote na residencia con cen casos, pero hai que saber escoitar e este ano foron os técnicos os que tiñan que marcar as pautas», declarou. Pardo lamenta que xa sexan dous anos consecutivos nos que non se puideron realizar actividades para que a xente maior se poida unir, así como eventos culturais. «A vida social fai falta e non é a mesma», afirmou.

Aprobación orzo 2021

No pleno ordinario tamén se aprobou o orzamento do 2021, que ascendeu a máis de oito millóns de euros e destaca por unha «grande inversións» aproveitando que non ten débeda. De feito, consta un crédito de 500.000 euros a diferenza do ano anterior. Foi aprobada coa maioría absoluta do PP e os votos en contra de BNG e PSOE.