«Nestes tres meses imos demostrar que somos de Terceira»

OUTEIRO DE REI

PEPA LOSADA

Apela ao orgullo dun equipo ferido, pero que inicia con vantaxe a fase de salvación

04 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Dende hai uns cantos anos, Xaime González Vilariño (Outeiro de Rei, 1989) leva o compás do Viveiro. Dentro e fóra do campo. O seu discurso, como o seu fútbol, atopa solucións sinxelas para devolver o ánimo ao xove plantel de Chuski, «desilusionado» por comezar unha nova loita por estar en Terceira este domingo fronte ao Atios en Cantarrana (17 horas), despois da derrota 1-4 contra o Fabril. «Temos que pensar que estar neste grupo era o máis lóxico, pero temos a permanencia na nosa man. Só depende de nós», resume.

-Tiveron a permanencia a unha vitoria, pero agora terán que sufrir tres meses máis. Cambiaron o chip?

-É o que toca. É certo que o domingo despois de xogar contra o Fabril estabamos moi desilusionados. Deunos moita rabia telo tan preto e caer así. Pero non podemos perder o tempo en lamentarnos, temos que pensar que partimos cunha boa cantidade de puntos e agora estamos fóra de descenso. Estar neste grupo era o máis lóxico, e temos a permanencia na nosa man. Só depende de nós.

-O formato esixe que estean a tope desde xa. Comezan a liguiña con tres partidos chave.

-O formato é traizoeiro porque pode haber equipos que queden descartados demasiado pronto e nós só imos xogar cos do Sur, que agás o Pontellas están moi vivos todos. Non hai que dar por morto ao Atios aínda que teña 20 puntos, oito menos ca nós. Se nos gañan achéganse e o que vén por diante vai ser moi duro. Se gañamos iremos xogar contra a UD Ourense, que está a tres puntos, con maior tranquilidade, e despois vén o Ribadumia, que ten 26. Son tres semanas importantísimas e que poden marcar a nosa traxectoria.

-Encaixaron moitos goles, pero contra os rivais de abaixo foron moi fiables. Agárranse a iso?

-Sentímonos fortes contra os de abaixo, pero cos de arriba cometemos erros que nos penalizaron e en canto recibimos dous goles desconectamos. Somos un equipo que non sabe esperar atrás, que vai arriba e quizais nos pase factura con conxuntos que teñen tanta pegada. Hai que ver que os que quedaron diante de nós son case proxectos profesionais, agás o Arzúa e o Silva, e penso que seguramente foi neses dous partidos onde se nos escapou o sexto posto. Nós somos un grupo moi novo e con pouca experiencia na categoría. Agora ben, se non corriximos os erros, nesta fase hai varios equipos que tamén nos poden golear. Cada vez que perdemos goléannos, e agora vai ser moi importante que, se non gañamos, polo menos non perder para que o rival non sume tres.

-Para todo o que xeran, tamén lles custou marcar. Botaron de menos a alguén capaz de meter máis de catro goles?

-Non creo que sexa un problema de ter uns xogadores ou outros. Pola situación na que estamos, caemos na ansiedade á hora de decidir. Chegabamos arriba e decidíamos mal moitas veces, e, ao equivocarnos na primeira, na segunda aínda o facíamos peor. Encima hai certos equipos que cando che chegan non perdoan. Sempre nos xeraron bastantes oportunidades, tamén o ano pasado, no noso ADN está máis atacar ca defender. A diferenza é que en Preferente ou os equipos de abaixo perdoan, o Bergantiños ou o Somozas non.

-As lesións lastráronos moito. E agora perden por sanción a Facu e Javi Rey. Con todos dispoñibles neste tramo terían conseguido o sexto posto?

-Está claro que nós necesitamos a todo o mundo en condicións, non somos un equipo como o Fabril que ten moitas individualidades e se non resolve un pode facelo outro, pero non hai que darlle máis voltas. Todas as circunstancias ás que nos enfrontamos deben servir para motivarnos e sacar a nosa mellor versión. Nestes tres meses imos demostrar que somos de Terceira.