Ases mundiais en Outeiro de Rei

I.MEITIÍN BUJÁN LUGO / LA VOZ

OUTEIRO DE REI

ALBERTO LÓPEZ

Os favoritos entran en xogo no Challenger do World Padel Tour

11 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Federico Chingotto, Juan Tello, Luciano Capra, Ramiro Moyano, Sebastián Nerone... Son algúns dos nomes que dan lustre e poñen ante os focos o Challenger do World Padel Tour que está en xogo en Outeiro de Rei. Desde o pasado domingo dispútanse nas instalacións do Centro Deportivo D10 as fases previas e hoxe comeza a decidirse o cadro final coa saída a escena das parellas máis reputadas e mellor colocadas para facerse coa vitoria final. «Trátase dun torneo moi especial por tratarse do primeiro Challenger da tempada en España. Un luxo para os afeccionados porque se van atopar un pádel de moi alta calidade, non en balde están algún dos mellores xogadores do mundo», destacou Juan Méndez, director do circuíto Challenger, na presentación oficial levada a cabo no escenario da proba e á que tamén asistiron Manolo Cadramón, Xefe Provincial de Deportes, Pilar Méndez, edila de Deportes de Outeiro de Rei, Leo Real Guerreiro, xerente do Centro Deportivo D10, e o xogador galego do circuíto profesional Martín Sánchez Piñeiro.

«Decidimos apostar por esta competición porque tiñamos a garantía de que iamos ter moitos deportistas e moitos deles galegos. Para nós é moi beneficioso porque imos ver a grandes xogadores pasar por estas instalacións», subliñou Manolo Cadramón. Ao nivel do torneo tamén fixo alusión Sánchez Piñeiro. «As expectativas son altas e os partidos, moi competidos, pero xogar en casa e no D10 é unha experiencia moi interesante», sinalou o aspirante da Coruña, vixésimo segundo no ránking do World Padel Tour e que forma xunto ao malacitano Alejandro Ruiz unha das parellas favoritas para levantar o trofeo de campión dunha cita na que o dúo arxentino composto por Federico Chingotto (18.ş) e Juan Tello (19.ş) perfílanse como os rivais a bater. Luciano Capra (17.ş) e Lucas Campagnolo (25.ş) completan o trío de favoritos. A presentación oficial foi o preámbulo a un cadro final que comezará a decidirse a partir das cinco da tarde cos enfrontamentos dos dezaseisavos de final. Mañá terán lugar os oitavos de final, o venres xogaranse os cuartos, e a fin de semana a emoción dispararase coa celebración das semifinais- o sábado con horarios por determinar- e a final do domingo que se poderá seguir en streaming a través da web oficial do circuíto.