O viño da Galicia máis oriental

Xosé María Palacios Muruais
xosé maría palacios LUGO / LA VOZ

NEGUEIRA DE MUÑIZ

FOTO MANUEL

Os viñedos de xeran Negueira de Muñiz unha produción cada vez máis apreciada

26 ene 2020 . Actualizado ás 19:36 h.

Se a alguén se lle fala de viño en Galicia, facilmente identificará diversas zonas con viñedos. Se se lle di que entre as zonas de produción está a Galicia máis oriental, a que comparte con Asturias parte da conca do Navia, a sorpresa ou a curiosidade están case garantidas. Con todo, o asombro non é tal se se escoita o que di un viticultor como Manuel Cancio, residente en Negueira.

Os seus pais, os seus avós, os seus bisavós e outros membros de xeracións anteriores xa tiñan viñedos e elaboraban viño. El estima que na súa familia existe esa actividade desde o século XVII, pero tamén cita documentación para subliñar o arraigamento da viticultura na zona: di que o Catastro do Marqués da Enseada, de mediados do século XVIII, xa recolle a presenza dunhas 80 hectáreas de viñedo.

Máis recente, de mediados do século pasado, pero non menos relevante foi a construción do encoro de Salime, que alagou terras de Negueira de Muñiz e de municipios asturianos próximos e que supuxo a redución das terras de cultivo. Con todo, empeños como o seu permitiron que o viño seguise presente na zona. «Polo menos non se perde», di.

No 2001 envasó a primeira botella. Case 20 anos despois, a súa adega ten capacidade para sacar ao mercado 7.000 botellas ao ano, e a produción envíase a restaurantes e a distribuidores de Galicia e do resto de España. Esta época do ano é un período en que a venda ten un dos seus picos, e a explicación ten que ver coa gastronomía en xeral e cos produtos da zona en particular: coa tempada de cocidos xa iniciada e coa Feira do Butelo, que se celebra en , A Fonsagradaxa próxima, o viño da ribeira do Alto Navia preséntase como un acompañante moi aconsellable.

Se a viticultura actual supón unha continuación da que xa se practicaba hai séculos, non sorprende que as clases de uva sexan agora as mesmas que entón. Variedades como mencía, verdellao ou se usan para o tinto, e a branca do país, coñecida tamén como branca lexítima, para o branco. Cancio envasa veu tinto e branco, aínda que admite que a uva coa que se elabora o branco ten algo máis de calidade.

Tres son, na súa opinión, as razóns que explican a elaboración dun viño cada vez máis aceptado. En primeiro lugar, nesas marxes do Navia hai un clima máis ben suave e o ambiente está limpo e a salvo da contaminación. En segundo, hai unhas variedades de uva que permiten pór no mercado caldos variados. En terceiro, agrega, o terreo é pizarroso, o que posibilita que as cepas logren profundidade na terra.

Tratándose dunha zona de Galicia na que o despoboamento é unha realidade presente nas últimas décadas, as nova vías dun produto tradicional parecen case unha oportunidade para ver posibilidades de futuro. O caso de Cancio non é o único, posto que, explica, un mozo da zona que vivía en Asturias volveu á súa terra natal e tamén é viticultor.

«O problema non é de mercado; mercado hai», di Cancio sobre as expectativas que pode abrir o viño. O que fai falta, agrega, é que as zonas rurais teñan uns servizos dignos para que a tentación de marcharse non se faga irresistible.

En busca dun selo de calidade que si ten Asturias

Municipios do suroeste de Asturias próximos a Negueira de Muñiz (Cangas de Narcea, Pola de Allande, Grandas de Salime, Illano, Pesoz e Ibias) teñen un selo, Denominación de Orixe Protexida Cangas, que ampara os seus viños, elaborados con varias clases de uva. Conseguir algo similar en Galicia é un propósito xa iniciado, e Cancio recoñece que unha IXP Alto Navia (Navia de Suarna, Negueira de Muñiz e A Fonsagrada) suporía un estímulo.