Máis de 8.000 menores de Lugo viven en familias que roldan a pobreza

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

MONTERROSO

EUROPA PRESS

Hai municipios nos que preto da metade dos nenos están nesa situación

17 sep 2019 . Actualizado ás 18:31 h.

Na provincia de Lugo viven máis de 8.000 menores de 18 anos que están en risco de caer na pobreza ou que, directamente, xa son pobres. Se a cifra lle parece moi alta pense que en realidade queda curta. Sae das estatísticas sobre pobreza que manexa o Goberno central cos datos dos que dispón Facenda e non inclúe os municipios de menos de 2.500 habitantes, que nesta provincia son 47, algo máis da metade. Sen saber os resultados deses municipios pequenos, o mapa difundido polo Alto Comisionado contra a Pobreza Infantil debuxa unha distribución moi uniforme deste problema, talvez máis grave na metade sur e con picos especialmente alarmantes en Monterroso, Friol e Quiroga.

A maior porcentaxe de poboación menos en risco de pobreza o dá este último municipio. Quiroga é a cabeceira dunha comarca en tempos de base rural pero marcada a partir dos anos setenta polo monocultivo industrial da extracción e transportación de lousa. A maior parte do emprego que xeraban as canteiras desapareceu fai dez anos co peche das principais louseiras. Hoxe, os datos fiscais que xeran os contribuíntes que viven alí din que nada menos que o 49% dos seus residentes menores de 18 anos son estatisticamente pobres ou están ao bordo de selo. En Monterroso a porcentaxe é do 44, igual que en Friol.

LA VOZ DE GALICIA

Pero en realidade, os datos son alarmantes en todas partes. Salvo as excepcións de Xove (cun 15%) e Cervo (18%) todos os demais concellos desta lista superan claramente o 20%. De feito, a maioría móvense en torno ao 30%. É o caso de Lugo. A capital provincial ten algo máis de 15.000 menores de idade empadroados, dos cales ao redor dun 4.200, o 28% do total, viven con familias con escasos recursos económicos que ou son pobres ou poden selo a pouco que empeoren.

En xeral, as estatísticas son peores cando máis ao sur. Á marxe do dato extremo de Quiroga, os cinco municipios desa zona teñen índices de pobreza infantil por amais do 32%. Monforte, o segundo municipio máis poboado da provincia, está no 36%. En cifras, roldan o limiar da pobreza máis de oitocentos dos seus 2.300 menores de idade.

A situación na Mariña é un pouco menos extrema, pero non menos preocupante. Cervo e Xove melloran a media, pero en Viveiro a porcentaxe de pobreza infantil está no 29%, en Foz no 27 e en Barreiros no 32%.

É difícil sacar conclusións sobre o que sucede nas comarcas da Montaña, porque moi poucos municipios desta zona aparecen neste mapa. O dato de Becerreá, cun 32% de menores de idade en risco de pobreza , e o de Baralla, cun 37, son practicamente os únicos dispoñibles e parecen debuxar un panorama similar á media provincial.

POBREZA INFANTIL

 De onde saen os datos. A fonte é o Atlas de Distribución de Renda dos Fogares, elaborado polo Instituto Nacional de Estatística (INE)

 Como se calcula. O mapa mostra a taxa de risco de pobreza infantil moderada, que se calcula para cada municipio en base ao limiar nacional. Os cálculos están baseados en datos fiscais da Axencia Estatal de Administración Tributaria do 2016

 Por que non están todos. Non hai datos de todos os municipios porque só se mostran os daqueles que teñen polo menos 2.500 habitantes. No comisionado para a loita contra a pobreza infantil aseguran que con menos poboación os datos poderían ser menos fiables