O Burela loitará en Lugo pola desexada Copa de Europa

Iván Díaz Rolle
I. Díaz Rolle BURELA / LA VOZ

LUGO CIDADE

JOSE PARDO

Seis campións das principais ligas europeas enfrontaranse do 2 ao 5 de decembro

23 oct 2021 . Actualizado ás 16:17 h.

O Peixes Rubén Burela por fin loitará polo torneo que máis desexa. Ademais, farao preto de casa nun desprazamento que se supón cómodo para a incondicional marea laranxa. Lugo será a sede entre o 2 e o 5 de decembro do 2021 da Copa de Europa de fútbol sala feminino.

A futbolista viveirense Lara Balseiro desvelou o notición durante a súa visita ao programa Luar, na Televisión de Galicia, ao que acudiu coas súas compañeiras Elenita e Jozi Oliveira. «Para nós é todo un orgullo participar neste torneo e seguir visibilizando o deporte feminino na nosa terra e no mundo», replicou o club mariñán nas redes sociais.

Ata o momento, transcenderon poucos detalles desta sorte de Champions League, máis allás da súa sede e datas. O que é seguro é que nela participarán seis campións das principais ligas europeas, polo que se presupón que entre os grandes opoñentes do conxunto de Lucas estarán o Benfica portugués, o Montesilvano italiano ou o Lagoa ruso.

Ata o momento, o Peixes Rubén tivo unha única experiencia internacional. Foi na 4 Nations Futsal Cup 2019 de Milán, unha Recopa oficiosa á que asistiu como campión da Copa da Reina española. Alí impúxose ao Aurora en semifinais e ao local Kick Off para abrazar outro título. A oportunidade das Jozi, Peque, Dany e compaña pola ansiada Copa de Europa chegará ao fin este decembro.